Os mellores equipos do panorama nacional daranse cita no Parque Náutico de Galicia nunha das competicións máis importantes da tempada.
Na presentación que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Ourense, acompañaron ao alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, o delegado territorial daXunta, Manuel Pardo, o xefe provincial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, o deputado provincial José María Lago, en representación da Deputación de Ourense e o presidente do Club Avión-Castrelo de Piragüismo, Pedro Andrés.
Castrelo de Miño converterase esta fin de semanau no epicentro do kayak polo nacional coa celebración dunha nova xornada da Copa de España de Primeira División, a máxima categoría desta espectacular disciplina deportiva integrada dentro do piragüismo.
O Parque Náutico de Galicia será o escenario onde se reunirán os mellores equipos do país nun evento que congregará a un total de 18 conxuntos: 10 equipos masculinos e 8 femininos, todos eles pertencentes á Primeira División Nacional. A competición forma parte da Copa de España, un circuíto que se desenvolve ao longo da tempada en formato de liga e no que, ao remate de cada torneo, os equipos suman puntos en función da súa clasificación final.
O kayak polo é unha das modalidades máis dinámicas e atractivas do piragüismo. Garda numerosas similitudes co waterpolo, aínda que neste caso os deportistas compiten a bordo de kayaks especificamente adaptados para a práctica deste deporte. Cada equipo está formado por cinco xogadores que se enfrontan durante os partidos co obxectivo de marcar o maior número de goles posibles na portería rival.
Ademais da súa espectacularidade, o kayak polo presenta unha singularidade dentro do mundo do piragüismo: é a única especialidade na que se disputan encontros directos entre dous equipos, o que lle confire un marcado carácter colectivo e estratéxico.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A cita de Castrelo de Miño permitirá ao público desfrutar dun espectáculo deportivo de primeiro nivel, reunindo a deportistas de gran experiencia e calidade procedentes de distintos puntos de España. A competición servirá tamén para consolidar o Parque Náutico de Galicia como unha referencia na organización de eventos nacionais de piragüismo e deportes acuáticos.
Durante toda a fin de semana, afeccionados e visitantes poderán achegarse ás instalacións para vivir de preto a emoción dunha modalidade que continúa gañando protagonismo dentro do deporte español.
Avelino Pazos, destacou que “seguimos traballando para que Castrelo de Miño sexa sinónimo de deporte, natureza e oportunidades”.









