Os socialistas destacan que tiveron constancia de que existe unha cesión gratuíta do Bispado de Astorga dunha finca para a construción e o concello debería ter en vindeiros días o concerto e documentación
Dende o PSdeG-PSOE de Viana amosan a súa ledicia pola consecución dun “novo éxito” para o municipio trala licitación das obras de arranxo de San Agostiño, iniciativa tamén dos socialistas
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de coñecer unha nova que lles aporta “gran ledicia” e que supón un “importante” avance nunha iniciativa que os socialistas levaron a pleno o pasado mes de marzo e na que pedían a construción dun centro de día no municipio. Pois ven, os socialistas tiveron novas de que as xestións “van camiño de frutificar” despois de que lles trasladaran que o Bispado de Astorga cederá de forma “totalmente gratuíta” un terreo onde poder levar a cabo a construción do mencionado centro de día.
Dende a Agrupación Socialista de Viana destacan que nos vindeiros días o Concello “debería ter preparados o concerto e a documentación enviada polo Bispado, para non retrasarse na sinatura”.
O Grupo Socialista de Viana, quere agradecer ao Bispado de Astorga, iste xesto altruísta q redundará no ben da veciñanza de Viana. No pleno celebrado o pasado mes de marzo, o PSdeG vianés relataba a “importancia” deste servizo para a atención aos maiores do municipio, destacando que “daría unha cobertura sanitaria e de coidados especializados” e que ademais permitiría aos usuarios e usuarias “compartir ó seu tempo con compañeiros e compañeiras, a través de actividades lúdicas que lles permitan desfrutar e desenvolver os seus procesos vitais”.
Os socialistas consideran que a atención aos maiores e a persoas con outras necesidades e maiores niveis de dependencia “é prioritaria” e apuntan a que “tamén o debería ser para o concello”. Os socialistas consideran que dadas as cifras poboacionais nas que segundo datos do INE (2019), Viana conta con 2.886 habitantes, dos cales 1377 son maiores de 60 anos, é dicir o 47,71% da poboación, a creación dun centro de día é “necesaria e urxente”. Apuntan tamén a que a construción do centro de día “permitirá que as familias se vexan liberadas de ter que estar prestando unha atención continuada ós seus maiores e poder conciliar a súa vida laboral”.
Tras coñecer esta nova, o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo pídelle ao grupo de goberno municipal que “asine o máis cedo posible o convenio da cesión, e que comece as obras sen máis dilación, xa que cada día que gañemos é un día que gañan en ledicia e atencións os nosos maiores”.
Os socialistas aproveitan para agradecer a “boa labor e as xestións levadas a cabo” polo crego de Viana, “Nacho”, quen fixo numerosas viaxes ao Bispado de Astorga, “implicándose dende o primeiro momento en conquerir esta cesión e pondo máximo interese en que a iniciativa do Grupo Socialista saíra adiante, consciente da importancia que terá para tódolos veciños e as veciñas de Viana e o benestar dos nosos maiores”.
O centro de día é outro éxito das xestión dos socialistas de Viana do Bolo, despois de implicarse tamén e conseguir que saian a licitación as obras da estrada de San Agostiño, que se conseguiu gracias a moción presentada polo PSdeG en sesión plenaria e trala creación dunha comisión negociadora, así como a celebración dunha marcha reivindicativa para que fora recibida.