Moción de Espazo Común para recuparar a FEIRA

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA FEIRA DO CARBALLIÑO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ninguén pode negar que O Carballiño é, por moitas cuestións, un pobo vencellado moi intimamente coa súa tradicional feira.

Dende as súas orixes, a primeiros do séculos XVII, que a maioría dos historiadores ubican na celebración dunha feira, organizada polo Mosteiro de Oseira, nun cruce de camiños entre O Ribeiro, Santiago de Compostela e a costa, ata o seu progreso coma vila e a súa consolidación coma capitalidade comarcal e coma un dos concellos máis importantes do interior de Galicia.

Quen máis, quen menos, xa sexa por vivir aquí ou por ter vido de visita, atesoura boas lembranzas deses días 16 e derradeiro de mes que, case sempre, eran sinónimo de rebumbio e moito bulir, sobre todo para tendas e bares.

As feiras eran, en tempos, datas fundamentais para comerciantes, hostaleiros e pulpeiros, xa que daban un importantísimo pulo á economía local, destacando no ano a do 16 de setembro, no medio das festas patronais ou a de fin de ano e, por descontado, as do verán, cecais as únicas que se manteñen con certa dignidade.

O resto, son agora días que pasan case desaparcebidos para os negocios do pobo e mesmo para a meirande parte da veciñanza.

Por razóns obvias, o gando xa non é un factor que arrastre xente.

O rural, principal fonte de afluencia ás feiras, está, tristemente, baleirándose a un ritmo de vértixe.  

O mercadiño quedou espallado por varias rúas co que perde forza e interese.

A realidade é que hai moita xente que vive no Carballiño que nin se percata dos días que son feira pois, fóra desas rúas e dos cambios no tráfico, pasa case desapercibida.

Todos estes factores fan moi evidente que o modelo de feira que a maioría de nós temos na memoria, xa non existe nin vai voltar a existir.

Iso non quere dicir que teñamos que renunciar a unha das nosas máis senlleiras sinais de identidade, máis ben o que esixe esta situación é que dende este Concello se busquen á maior urxencia accións e iniciativas que a revitalicen e a adapten aos novos tempos.

Compren medidas que posibiliten que a feira sexa de novo un referente conxugando tradición e novos costumes, compre recuperala coma o que sempre foi, un importantísimo balón de osixeno para a economía local.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. A creación vinculada á Mesa de Comercio Local dunha comisión na que participen asociacións de comerciantes, de empresarios, de pulpeiros, hostaleiros, culturais, veciñais, xuvenís e de calquer outra índole que poida ter interese en darlle un novo pulo á feira do Carballiño.
  2. Dotación orzamentaria singularizada nos orzamentos do 2020 para as accións da mesma.