Éxito de afluencia da segunda parte do roteiro sobre as orixes do Carballiño

O Centro de Estudios de Chamoso Lamas segue a poñer en valor o patrimonio histórico do Carballiño organizando a segunda edición dun roteiro para explicar a configuración urbana da vila dende o século XVIII.

Trátase da segunda parte do roteiro realizado en setembro pasado sobre as orixes do Carballiño e que guiará tamén o historiador Carlos Montes. Trátase de proseguir co traballo de investigación que nesta ocasión ampliouse para dar a coñecer algunhas das edificacións máis significativas e emblemáticas da vila, así como dos seus moradores.

AVANTAR ACTIVIDADES

O roteiro comezou no Asilo e transcorreu pola Rúa Principal e rematou na Praza Maior tras percorrer diversas rúas e prazas do casco urbano carbaliñés. Contou de novo cunha gran afluencia, coma na primeira edición, rondando o centenar de persoas.

O pasado ano o Centro de Estudios Chamoso Lamas organizou tres roteiros, dous urbanos e outro nocturno aos petroglifos de Cangues, que contaron cunha gran asistencia de público.