O Centro de Estudios Chamoso Lamas e o Concello do Carballiño presenta un libro homenaxe a Luis Rodríguez Míguez

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro de Estudios Chamoso Lamas e o Concello do Carballiño presentan nun acto aberto ao público no salón de plenos do concello este próximo venres, 21 de xuño, ás 19,30 h, o libro “AQUE VITAE. Homenaxe ao doutor Luis Rodríguez Míguez”, nunha edición promovida polo colectivo cultural carballiñés e editada polo concello do Carballiño.

Ao acto asistirán Mariluz Villar e Alejandra Juno Rodríguez Villar, viúva e filla, respectivamente, do doutor Míguez, así como o alcalde da vila, Francisco Fumega, e integrantes do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ao que pertenceu o gran valedor do termalismo galego e carballiñés, considerado o “pai do termalismo contemporáneo”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 Luis Rodríguez Míguez, nado en Santiago no ano 1932 e finado en Ourense no ano 2016, foi un referente do estudo e a posta en valor do termalismo galego e en especial do Carballiño, promovendo durante moitos anos na vila os Cursos de Hidroloxía Médica así como o Instituto Termal de Galicia, que nunca chegou a fructificar. Por todo isto, recibiu en vida a Medalla de Ouro do Carballiño e diversos premios e recoñecementos, desde a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense ate a Real Academia de Mediciña e Ciruxía de Galicia, e a título póstumo a Medalla de Ouro da Deputación Provincial de Ourense.

A edición da obra colectiva “Aqua Vitae. Homenaxe ao doutor Luis Rodríguez Míguez” correu a cargo do concello do Carballiño, sendo promovida polo presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, e coordinada polo historiador Juan Manuel Rodríguez.

Aqua vitae. Homenaxe ao doutor Luís Rodríguez Míguez é un volumen que conta con colaboracións sobre termalismo, arquitectura, natureza, controles das augas balnearias e outros aspectos. Tamén reproduce o primeiro pregón da Festa da Cachucha e se recupera a faceta literaria do doutor Míguez, nunha colaboración asinada pola súa filla Alejandra Juno Rodríguez Villar.

Entre outros autores, o libro conta coa colaboración de Manuel Gallego Jorreto, Miguel Ángel García Pérez, Pedro A. Araújo Nespereira, Xosé L. Sobrado Pérez, María José Pérez Álvarez e Luis Alfonso Rodríguez López, Rosa María Ricoy Casas, Mª Beatriz Vaquero Díaz, Juan Ignacio García García, Francisco X. Fumega Piñeiro e Óscar Gonfer. Tamén se reproduce un extracto do discurso pronunciado por José Manuel Baltar na entrega da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense a título póstumo.

A publicación inclúe ademais obras dos artistas Zeta, Xesús Carballido e María José González e un amplo apartado fotográfico no que se incorporan desde imaxes dos balnearios do Carballiño a actos institucionais nos que participou o homenaxeado ao longo da súa vida ou da súa actividade familiar.