Emigración reclama ao Estado a necesidade de axilizar a homologación dos títulos universitarios e a tramitación da residencia para as familias dos galegos retornados

O secretario xeral deste departamento, Antonio Rodríguez Miranda, realizou nos últimos días encontros informais cos universitarios de excelencia, BEME, que estudian un mestrado nalgunha das universidades galegas para coñecer as súas inquedanzas e sensacións durante o presente curso

A próxima semana rematarán estas reunións coa visita ao campus de Pontevedra e de Lugo

AVANTAR ACTIVIDADES

 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo durante estes días reunións nos campus da Coruña, Vigo, Ourense e Santiago cos bolseiros BEME que están a cursar un mestrado nalgunha das tres universidades galegas. Durante estes encontros detectouse a necesidade de que o Estado central axilice a homologación dos títulos universitarios e os trámites da residencia para as familias dos galegos retornados que carecen de nacionalidade española.

Os bolseiros BEME son universitarios retornados do exterior ou descendentes de galegos, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores con algún dos mestrados que ofertan a UDC, a USC e a UVIGO. A próxima semana rematarán estas reunións coa visita ao campus de Pontevedra e de Lugo.

Entre as principais cuestións que expuxeron os alumnos se atopan os problemas que están a ter ao retrasarse a homologación dos seus títulos universitarios do país do que proceden, que están a tardar entorno a dous anos, o que lles impide poder acceder a un posto laboral axeitado a súa formación.

Neste senso, Rodríguez Miranda volveu a facer fincapé na necesidade de que o Goberno central tome nota desta necesidade real “dos retornados galegos do exterior”, xa que é “un requisito moi importante para que poidan desenvolver a súa labor profesional aquí e por tanto, emprender ou traballar en Galicia”.

De feito, a maioría dos bolseiros expresaron a súa intención de quedarse en Galicia polo que a súa futura inserción laboral é unha das súas principais inquedanzas, xunto ao feito de poder traer con eles as súas familias, xa que moitos teñen parella sen nacionalidade española e incluso fillos que chegan con eles a vivir durante todo o curso na nosa comunidade. Os problemas para a tramitación da residencia é tamén outro dos problemas aos que deben enfrontarse.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrado que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

Para o próximo curso, as bolsas aumentarán das 150 de 2020 ata as 200 de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas