O Psdeg-Psoe de Ourense reclamará que o goberno de España rebaixe as elevadas peaxes da autoestrada entre Santiago e Ourense

Segundo os cálculos feitos polos socialistas, precisaríanse uns 3,6 millóns públicos anuais para aplicar á AP-53 un sistema de bonificacións similar ao que se porá en marcha na AP-9

Publicidade

“Queremos que se apliquen bonificacións nesta autoestrada como se vai facer na AP-9”, dixo Villarino quen tamén denunciou: “Por que no interior non? Por que todo para o Eixo Atlántico e no interior non?”

O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá no pleno da Deputación Provincial, unha iniciativa para que se rebaixen as peaxes da autoestrada AP-53 que une Santiago e Ourense. Na actualidade é unha das estradas máis caras do Estado, situándose no podio do custe por quilómetro e, ademais, tamén é unha das poucas que non conta con ningún tipo de desconto.

A moción reclama instar o Goberno de España a aprobar, o máis axiña posible, un proxecto de Real Decreto de modificación da concesión da AP-53, para bonificacións de peaxe. Desta forma, podería aplicarse o mesmo sistema de rebaixas que xa funciona en decenas de estradas do Estado e que tamén van desfrutar os usuarios e usuarios de todos os tramos da AP-9. Igualmente pide á Xunta solicitar a transferencia da súa titularidade á comunidade autónoma.

Desde un dos viadutos que cruza a estrada, o voceiro Rafa Villarino, explicou que estamos ante unha autoestrada que “vertebra o interior de Galicia”, o que suporía por en práctica o “reequilibrio territorial” pero que “realmente non se está a cumprir porque un tramo é de pagamento”. “É unha das máis caras de España sen bonificacións”, insistiu antes de recordar o compromiso do PSdeG en 2009, grazas ao que se suprimiron os cobros entre Dozón e Ourense.

Acompañado do deputado, Diego Fernández, e da deputada, Susana Rodríguez, o voceiro detallou que “o PP non cumpriu os acordos parlamentarios sobre a rescisión da peaxe e a transferencia da titularidade á comunidade autónoma”. “Queremos que se apliquen bonificacións como se vai facer en todos os tramos da AP-9”, aseverou Villarino quen tamén denunciou: “Por que no interior non? Por que todo para o Eixo Atlántico e no interior non?”.

Pola súa banda, Diego Fernández, recordou como “na comarca do Carballiño sabemos ben o que supuxo a liberalización da peaxe no tramo ata Ourense”, con “importantes beneficios para a veciñanza e a competitividade das empresas”. “Foi unha clara mellora para o rural e incluso para a política antiincendios”, unha “aposta do Partido Socialista e do presidente Emilio Pérez Touriño”, dixo o deputado antes de insistir en que “non hai nada máis positivo que mellorar as comunicacións no rural galego”.

A AP-53 e a AG-53 conforman a única autoestrada que une tres –Ourense, Pontevedra e A Coruña– das catro provincias de Galicia, o que a converte nun eixo clave para as comunicacións galegas. O importe da peaxe directa imposta polo goberno de Aznar durante 75 anos, o período máximo permitido, ascende ata os 6,05 euros para vehículos lixeiros e ata os 10,20 e 12,10 euros para pesados. É, polo tanto, unha das autoestradas máis caras do Estado e, no caso concreto dos camións, soporta os custes máis elevados de toda da rede

Esta proposta de bonificación busca “vertebrar o interior de Galicia”, fomentando o uso da autoestrada, en especial polos vehículos de gran tonelaxe, mellorando a fluidez e a seguridade nas estradas convencionais.

“As estradas convencionais da zona soportan un tráfico mais elevado do que lles correspondería, atravesando decenas de zonas poboadas, a causa da barreira económica que xeneran peaxes tan elevadas”, aseguran os socialistas. A N-525 ten unha intensidade media diaria (IMD) que, en varios tramos, supera os 10.000 vehículos. A autoestrada soporta entre 6.000 e 7.000 vehículos entre Santiago e Dozón. Sen embargo, a súa IMD ascende ata, por exemplo, os 15.000 vehículos no tramo sen peaxe entre O Carballiño e Ourense.

Na actualidade, unha trintena de vías do Estado abaratan as peaxes a quen acumule un número de viaxes ou a quen circule en determinados tramos horarios. Polo tanto, o que demanda o PSdeG-PSOE ourensán para a AP-53 “non é nin unha excepcionalidade nin un favor; é trato igualitario”.

“A rebaixa das elevadas tarifas é necesaria e tamén é de xustiza social: Ourense precisa de investimentos que impulsen de verdade o reequilibrio territorial”, insisten os socialistas, “tras décadas nas que os fondos e os grandes proxectos públicos regaron de miles de millóns o Eixo Atlántico, mentres se abandonaba a meirande parte do interior de Galicia”.

3,6 millóns anuais

A sociedade concesionaria presenta importantes beneficios. En 2018, o último exercicio auditado en situación de normalidade, obtivo 10,7 millóns de ingresos por peaxes para un beneficio de 2,2 millóns. Segundo os cálculos feitos polos socialistas, precisaríanse uns 3,6 millóns públicos anuais para aplicar á AP-53 un sistema de bonificacións similar ao que se porá en marcha na AP-9.