A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou a resposta do presidente da Xunta e da conselleira de Medio Rural logo da desastrosa xestión dos incendios forestais e advertiu que “non se pode mentir máis” cando presumen dunha planificación e prevención “inexistentes”. Dacosta presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que sinalou que a xestión dos incendios desta fin de semana deixou en evidencia que “non fixeron nada” na prevención dos lumes.
Dacosta advertiu que os incendios de Padrón -máis de 350 hectáreas-, Boborás -250 hectáreas con risco para as vivendas- e Xermade na primeira fin de semana de calor amosaron a falla de políticas de prevención do goberno galego, que repite “os mesmos problemas de sempre”. Salientou o suspenso no primeiro exame da temporada cando evidencian “a prevención que chega tarde, os reforzos de última hora e a sensación de que a Xunta reacciona en lugar de anticiparse”.
Sinalou que estes lumes amosaron que Galicia non está preparada para afrontar a campaña de incendios porque a Xunta chegou a xuño sen realizar as actuacións preventivas e cunha planificación “inexistente” para afrontarse a uns incendios que “non esperan pola súa propaganda”. Sinalou que Galicia “sabe demasiado ben o que sucede cando chegan tarde” as tarefas preventivas do goberno, con consecuencias tráxicas como as do verán pasado.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Acusou ao goberno galego de ter aprobado o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -Pladiga- “tarde, mal e arrastro”, que sigan sen facer “nada de nada” para presentar a Lei de Incendios e que agora queiran sacudirse o compromiso acadado no Debate do Estado da Autonomía para asumir a limpeza das franxas secundarias nos concellos pequenos.
A responsable socialista cargou contra a decisión da Consellería de contratar 42 brigadas a partir de xullo nunha decisión cuestionada polos sindicatos que alertan de que están a “externalizar e precarizar” un servizo que precisa de profesionalización, estabilidade e condicións laborais. Puntualizou que “non discutimos a necesidade de máis brigadas”, pero si a decisión da Xunta de substituír o emprego público estable por persoal temporal en precario.
Alertou de que Medio Rural “aboca a mozos e mozas sen experiencia a traballar tres meses” con incendios de nova xeración, fóra da capacidade de extinción, que van “xogar a vida” porque o goberno galego “segue sen reforzar o dispositivo como debería”. Advertiu que a responsabilidade será da Xunta cando chegue a temporada de alto risco, que “non se poderán agochar detrás de ningún expediente”.
Acusou ao goberno galego de facer “todo o contrario” das recomendacións da Comisión de Estudo dos incendios forestais logo da vaga de lumes de 2017, que pedía un dispositivo integrado por persoal da administración con estabilidade laboral e formación que despregara traballo preventivo durante todo o ano.
Advertiu que cando se ven “coa auga ao pescozo” e recoñecendo que carecen de recursos para afrontar a campaña, anuncien agora unha nova Comisión de incendios que rexeitaran cando a propuxo o portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, en 2025. Dacosta reclamou que “cambien o modelo e garantan que as vivendas, as persoas e o territorio de Galicia está protexido dos incendios forestais”.

















