2.500 autónomos e Pemes da provincia cobraron xa as axudas da Deputación de Ourense polo COVID-19

IES CHAMOSO LAMAS

Manuel Baltar asegura que na primeira quincena de xullo pagarase o total das solicitudes pertencentes a empresarios e emprendedores de 91 concellos (os de menos de 20.000 habitantes)

“Non deixaremos nin unha axuda sen tramitar nin permitiremos que nin Rodríguez Villarino nin ninguén impida que o diñeiro que lles corresponde aos autónomos e Pemes e ás súas familias, afectados pola crise do COVID-19, chegue aos seus destinatarios”, defende o presidente Baltar

HIPER MASIDE

Un total de 2.500 autónomos e Pemes da provincia de Ourense cobraron xa as axudas económicas que establece a Deputación de Ourense para facer fronte á crise do COVID-19 en materia económica e contribuír a paliar así a grave situación pola que atravesan moitos profesionais, autónomos, comerciantes, emprendedores e pequenas e medianas empresas da provincia.

Tras a reunión que mantivo coa interventora xeral da Deputación e técnicos do seu departamento para coñecer o estado da tramitación das axudas, o presidente Baltar asegurou que na primeira quincena de xullo “completarase o total do pago das solicitudes pertencentes a empresarios e emprendedores de 91 concellos da provincia de Ourense (os de menos de 20.000 habitantes)”.

“Desta maneira -afirma Baltar- non deixaremos nin unha axuda sen tramitar nin permitiremos que nin o representante do PSOE na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, nin ninguén impida que o diñeiro que lles corresponde aos autónomos e Pemes e ás súas familias, afectados pola crise do COVID-19, chegue aos seus destinatarios, como é de xustiza social”, defende o presidente Baltar

Un exhaustivo traballo de xestión e avaliación de solicitudes, realizado polo equipo tramitador da Deputación de Ourense permitiu xestionar en tempo récord as solicitudes para axilizar o pago de axudas a autónomos e Pemes, como tamén as axudas ComerciOU, para apoiar aos comerciantes da provincia, un labor que Manuel Baltar agradece e que se debe “á celeridade, profesionalidade e compromiso dos funcionarios”.

Baltar lembra que en 91 concellos da provincia xa se realizaron transferencias e, consecuentemente, miles de autónomos e Pemes recibiron xa esa axuda, “pero lamentamos que o comportamento indigno de Rodríguez Villarino e a aquiescencia e o servilismo do subdelegado do Goberno en Ourense, poñan en perigo que os beneficiarios destas axudas puidesen ter que devolver o diñeiro que xa cobraron, feito que tentaremos por todos os medios que non se produza”, explica Manuel Baltar.

Ataque contra a reactivación económica

“Este ataque brutal contra os verdadeiros protagonistas da reactivación económica na provincia de Ourense -os autónomos e as Pemes- non lles vai a saír gratis a quen tenta danar con tanta vileza o futuro económico de empresas e familias da nosa provincia. Os autónomos e as Pemes sábeno e os representantes das entidades que están a defender os seus intereses tamén son coñecedores destes gravísimos feitos”, sinala Baltar, cualificando como “comportamento vil” o de Rodríguez Villariño “ao solicitar que se revisen unhas axudas polas que el mesmo non votou a favor, e logo fártase de dicir publicamente que está cos autónomos; equivócase de preposición: está “contra” os autónomos”.

“Por fin -destaca Baltar-, estes días quedou ao descuberto a súa estratexia, e a vergoña non lle permitiría a Rodríguez Villarino saír á rúa porque sería sinalado como o gran culpable de que se teñan que revisar esas axudas, e de que se poña en cuestión todo o traballo, digno e comprometido, realizado polos funcionarios. Pero non vai conseguir ningún dos seus deleznables obxectivos, porque todo é legal neste procedemento; a legalidade preside a xestión para que os autónomos e as Pemes reciban as súas axudas”.

O presidente da Deputación de Ourense sostén que todas estas “bastas manobras de Rodríguez Villarino quedaron ao descuberto e acreditadas documentalmente”, e valora que persoas como esta, “cuxo comportamento ensucia o labor público, non merece continuar en política nin defender os intereses de ninguén. A súa forma de actuar e a do subdelegado do Goberno permitindo estas accións, é moi pouco edificante para a política e para a sociedade”, afirma Baltar, quen pide que se vaian, “porque índose, se purifica o ambiente e todos poderemos falar de cooperación e colaboración. Os autónomos e as Pemes de Ourense saben que contan coa nosa axuda, así o ditaminamos e recoñécellenos como a Deputación máis social da historia”. E engade Baltar: “O que ninguén comprende, tampouco os militantes, nin os votantes, nin a súa propia formación política, é que Rodríguez Villarino ande promovendo estes “perigosos e indignos xogos” que atacan o máis importante do ámbito económico da nosa provincia: as persoas que se levantan cada mañá coa ilusión de sacar adiante proxectos de emprendemento, que xeran riqueza e emprego e que, en definitiva, apostan polo futuro de Ourense”, conclúe Manuel Baltar.