A secretaría de emigración do Psdeg de Ourense faise eco do malestar de centos de retornados polos requerimentos masivos da axencia tributaria sobre as súas pensións

Ourense 24/10/18 Entrevista a Luis Gulín Fotos Martiño Pinal

Luis Gulín solicita que dende a Axencia Tributaria se crucen datos co INSS para eximir aos retornados desa “burocracia innecesaria” nunha administración “dixitalizada”

Os socialistas sinalan que os afectados son perceptores de pensións estranxeiras, principalmente de Alemaña, sen dereito a outra prestación similar española

AVANTAR ACTIVIDADES

 O presidente da Asociación de Emigrantes Retornados de Ourense, Luis Quintas Abadín, vén de trasladarlle ao secretario provincial de Emigración do PSdeG-PSOE, Luis Gulín, o malestar e enfado de centos de emigrantes retornados da provincia, logo de que a Axencia Tributaria reclamase a acreditación das diferenzas detectadas entre a comunicación oficial que dispón o país de orixe sobre o importe das súas prestacións e o que declaran os retornados.

“As diferenzas residen simplemente en que Alemaña e outros países da Unión Europea detraen das pensións que abonan aos retornados unhas cantidades para ter asistencia sanitaria en España, ao non ter dereito a unha pensión española”, abunda Gulín.

O socialista pon como exemplo un xubilado con dereito a pensión alemá de 18.000 euros anuais ao que só lle ingresan 16.500. “Os 1.500 restantes queda con eles Alemaña en concepto de seguro médico e seguro de dependencia, pero a AEAT esixe agora aos retornados que a Seguridade Social alemá e doutros países europeos certifiquen esas diferenzas detectadas”, explica.

Gulín sinala que os afectados son retornados perceptores exclusivamente de pensións estranxeiras, maioritariamente de Alemaña, sen dereito a outra prestación similar española, aos que, con data previa ao 30 de xuño, a AEAT enviou requirimentos a respecto dos anos fiscais 2016-2017 antes que prescribise o prazo de reclamación do ano fiscal 2016.

“Solicitámoslle á Secretaría Provincial de Emigración que faga as xestións oportunas para que desde AEAT se crucen os datos co INSS para verificar de oficio quen ten o status de pensionista estranxeiro e deste xeito eximir aos retornados desa burocracia innecesaria nunha administración dixitalizada”, urxe o secretario de Emigración dos socialistas de Ourense, ao tempo que asegura que a petición será trasladada aos representantes parlamentarios para que realicen as xestións oportunas ante os Ministerios de Facenda e o de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.