A etiqueta tamén importa.

Xosé Carballido Presas

Presidente Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

AVANTAR ACTIVIDADES

A gastronomía sempre ocupa un lugar destacado nas datas de Nadal. Época de reencontros, de celebracións familiares, de empresas ou mesmo de colegas e vellas amizades que xuntan arredor dunha mesa a contar vellas historias ou lembranzas dos que xa non están. Tamén son datas de agasallos, de cestas de alimentos, caixas de viño ou paquetes de doces e saborosos petiscos co que queremos agradecer algo a alguén. Ben o saben as pequenas tendas de alimentación e tamén, claro, as grandes superficies e multinacionais do sector así como restaurantes e casas de xantar.

Quizais sexa bo momento para reflexionar se este extraordinario dispendio pode repercutir na nosa contorna máis próxima. Por exemplo, non é o mesmo mercar na pequena tenda do barrio que nesas grandes moles do extrarradio, e xa non digamos se pedimos por internet eses produtos que viaxan en grandes buques que quedan atoados no canal de Suez.

Tampouco é o mesmo agasallo un paquete de polvoróns esteparios, por ben ricos que estean, que unha bica de Trives ou uns amendoados e Allariz. Xa non é necesario sorprender con Tempranillos, Riesling ou Cabernets se producimos aquí ao lado Treixaduras, Albariños, Godellos, Mencías ou Brancellaos exquisitamente elaborados e elegantemente vestidos.

Debemos apostar polos circuítos curtos de comercialización: consumindo alimentos, producidos aquí, as materias primas e os produtos terminados circularán polas canles de proximidade, para satisfacción do sector primario local, do comercio local e, en definitiva, da economía local.

A agricultura, as transformacións artesanais e a industria agroalimentaria contribúen ao desenvolvemento económico das nosas comarcas, porque se trata de actividades vinculadas á terra, que permiten fixar e manter poboación no rural, e aseguran o futuro mediante o relevo xeracional para o noso medio rural.

Tampouco debemos desaproveitar a oportunidade de potenciar outro elemento singular: a identidade. Etiquetar os nosos produtos en galego, a parte dunha cuestión de autoestima, debería ser un elemento diferencial que proporcione un valor engadido nun mercado cada vez máis culto e selecto. Por que a etiqueta tamén importa.


Curriculum de Xosé Carballido

Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago

Máster en Viticultura e Enoloxía

Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia

Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense

Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense

Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

—————————————————————————————————

Outros artigos de Xosé Carballido

O Movemento Veciñal e a Cultura

Tempo de vendima

O Gran Balneario de Ourense

A tarifa eléctrica

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser