O prezo das cousas

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

AVANTAR ACTIVIDADES

Máster en Viticultura e Enoloxía

Artigo : ” O PREZO DAS COUSAS “

No sector agrario andamos sempre na busca de reducir os custos de produción cun obxectivo primario básico e lexítimo: aumentar o beneficio da nosa explotación, da nosa empresa. Andan os expertos (e non tan expertos) a predicar que hai que tratar de aumentar a base territorial da explotación, para producir en base a pastos e reducir o consumo de pensos, que hai que limitar o número de tratamentos fitosanitarios para reducir custos e respectar o medio ambiente, que hai que, que hai que …

Nunha explotación gandeira, por exemplo, tes que botar contas: (compra ou arrendamento das leiras e custos da posta en produción – roturación, fertilización, sementeira, tratamentos fitosanitarios, rega …, amortización dos investimentos, compra do gando, baixas e coidados veterinarios, mantemento de prados e pasteiros, produción de forraxe, pensos e alimentación complementaria, mantemento e combustibles de maquinaria e equipamentos, transporte, enerxía, seguros, man de obra e seguridade social, taxas, impostos …)

Se producir un quilo de carne custa tres euros, sería absurdo vendela a dous noventa, claro. “Traballar pra quecer” que diría meu cuñado. Absurdo si, pero está a pasar na carne, no leite, nas uvas, no viño ou na práctica totalidade das nosas producións. En plena pandemia, os prezos ao produtor baixaron ata un 25% mentres o prezo da cesta da compra non parou de medrar.

Non é doado tratar de convencer  “hai que, hai que …” cando pretendes aumentar a base territorial tentando mercar leiras abandonadas a prezos astronómicos ou arrendalas a través dun Banco de Terras que tarda dous anos en contestar, ou reducir os tratamentos fitosanitarios cun ataque fulminante de mildeu que levou a colleita que se salvou da última xeada.

Nun sector agrario tan sensible, atomizado e indefenso diante das grandes industrias e cadeas de alimentación, os poderes públicos deben actuar, promovendo contratos homologados e establecendo mecanismos de regulación de prezos que eviten o “mercadeo”. Por que se  o prezo ao consumidor sube e o prezo ao produtor baixa, alguén polo medio está metendo a man na carteira. Mentres, no campo, traballamos pra quecer. Ou pechamos, que é pior.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser