O medio rural tras a COVID-19

IES CHAMOSO LAMAS

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

SPORTUR GALICIA 2022

Máster en Viticultura e Enoloxía

Artigo : ” O medio rural tras a COVID-19 “

A Covid-19 meteu a todo o mundo na casa, e practicamente paralizou a economía mundial. O  confinamento rompeu as tradicionais canles de comercialización dos nosos produtos agroalimentarios de alta calidade (bares e restaurantes). Tamén, os produtos agrarios de proximidade viron truncada a súa chegada ao consumidor final pola suspensión de mercados e feiras locais, punto tradicional da oferta destes produtos. A flor e planta ornamental sobreviven singularmente en base a campañas estacionais, perdendo xa o primeiro semestre.

A recuperación destes mercados vai ser gradual e lenta. Incluso un choque tan brutal e inesperado, pode modificar definitivamente os hábitos de consumo, polo que será necesario explorar novas vías de comercialización.

Mentres tanto, debemos articular mecanismos para evitar que esta crise leve por diante ás explotacións agrícolas, gandeiras e as industrias transformadoras (adegas, queixerías, elaboracións artesanais …) que forman a trama dun rural esencial para a produción de alimentos. Non podemos permitir que a obtención de alimentos e produtos de primeira necesidade dependa de terceiros países. E tamén debemos asegurar a pervivencia do comercio local (tendas, bares, restaurantes …) nexo de unión entre este produtor e o consumidor final.

Requírese, por tanto, un esforzo extraordinario diante dunha situación extraordinaria. Con alivio da presión fiscal e financeira, moratorias e redución dos custos fixos (alugueres, gastos hipotecarios, custos de enerxía, seguros, IBI, IVE e IAE …) e incluso apoios directos ás rendas naqueles casos que poida existir o risco de peche ou desaparición da propia explotación agraria ou negocio.

Como se ve, este esforzo implica aos distintos axentes (administracións públicas, bancos, enerxéticas, aseguradoras … ) e tamén ao conxunto da sociedade civil, indirectamente cos nosos impostos e directamente, optando polo comercio local e produtos de proximidade nas nosas compras.

Esta é unha crise conxuntural, e debe resolverse con medidas que signifiquen un verdadeiro impacto real e inmediato. Sería de esperar que a Unión Europea e o Banco Central Europeo camiñaran, desta volta, na dirección dunha Europa das persoas e non dos capitais.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

O viño, de aquí, se pode ser