Desde a empresa concesionaria da auga municipal AQUALIA dan aviso de que continúa o descenso da auga dispoñible na captación. O consumo rexistrado mantén unha tendencia á alza, polo que os técnicos da concesionaria AQUALIA consideran necesario retomar o protocolo de cortes de subministro das pasadas semanas co fin de recuperar o depósito. A partir das 15h de onte retomouse o horario de subministro de 20.30h a 23h e de 13h a 15h.
O Concello retomou esta semana o proceso de transporte de auga en camións cisterna, traballando día e noite en xornada intensiva. No día de onte logrouse trasladar ao depósito 772 mil litros de auga entre o día e a noite. Nos próximos días continuarase do mesmo xeito durante toda a xornada, co esforzo das administracións que están a colaborar, empresas particulares e operarios, que están a facer un esforzo sen precedentes.
A pesar disto, a aportación do regato sigue baixando de forma alarmante, debido á falta de precipitacións e as condicións extremas metereolóxicas. Esta situación obriga a ter que volver aos horarios da semanas pasadas, sendo a única forma neste momento de garantir o subministro de auga.Esta crise non se poderá considerar resolta ata que a captación temporal e urxente do río Avia sexa unha realidade.
Esta obra está moi avanzada pero vese afectada pola espera da chegada dos materiais necesarios para continuala, os cales se están a fabricar. Dende o concello aseguran que seguen necesitando que se faga un consumo responsable da auga, así mesmo recordamos que continúa vixente a prohibición de uso de auga da rede municipal para usos non permitidos, como regar, limpeza de coches ou baldeos.