Espazo Común solicitará un Pleno Extraordinario para aclarar a ubicación do Centro de Saúde

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMÚN


ANTE O ABSURDO SILENCIO DO ALCALDE, ESPAZO COMÚN DEMANDARÁ UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA ACLARAR A UBICACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

AVANTAR ACTIVIDADES

Dúas despois de que os medios informaran da intención da Xunta de ubicalo na parcela da Estación de Autobuses, o alcalde segue desaparecido. Polo que urxe un pleno no que se dean explicacións.

Consideramos que sería o mellor xeito de ter claro que se toma a decisión correcta ou de se cómpre valorar alternativas sen arriscar a financiación autonómica.

Xa pasaron máis de dúas semanas dende que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, anunciou a decisión de construir o futuro Centro de Saúde na parcela que ocupa a actual Estación de Autobuses.

A día de hoxe ninguén no Carballiño sabe porque se escolleu esta ubicación, se xa é definitiva, os prazos que conleva, cantas propostas se remitiron a Santiago…

O alcalde, quen manifestou meses atrás a súa oposición a que esta fose a ubicación aínda non dixo nada ao respecto máis ca vaguedades sen sentido.

Non debería ser necesario lembrar que estamos a falar da infraestrutura máis importante que se vai a construir no Carballiño nos vindeiros anos polo que o método Fumega de mentir e enganar pode acarrexar un importante perxuízo presente e futuro.

Por iso, dende Espazo Común pedimos ao alcalde, xa fai 8 días, que fixera unha comparecencia pública dunha vez e resposte á veciñanza a unha serie de preguntas básicas:

-A  decisión de ubicar o Centro de Saúde no solar da Estación de Autobuses xa é oficial e firme?

-Existe constancia documental no Concello do Carballiño deste acordo?

-Cantas opcións se remitiron á Concellería de Sanidade e cales foron os criterios que xustifican esta escolla?

-Segue Fumega a opinar o mesmo que hai tan só uns meses cando dicía nuha entrevista que a posibilidade da Estación de Autobuses era moi mala pois “os metros non dan, é unha rúa que xa está saturada e non hai aparcamento. A Xunta prefire un terreo limpo para facer o edificio e a opción dos técnicos é no entorno do actual”?

-Se mudou de opinión debería explicar os motivos ou se, pola contra, vai posibilitar que a Xunta constrúa o Centro de Saúde nunha ubicación que o alcalde considera nefasta, como o xustifica, cal é o seu papel en todo isto?

Ante a falla de respostas que consideramos vitais, o Grupo Municipal de Espazo Común ven de rexistrar unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario monográfico onde se aclaren todos estes puntos.

Sería o mellor xeito de ter claro que se está a tomar a decisión correcta o de se é necesario e posible valorar alternativas sen poñer en risco a financiación da Xunta.

Agardamos a súa convocatoria con urxencia pois, no caso contrario, haberá que sospeitar unha vez máis que se esconden informacións fundamentais aos veciños.