A organización do Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga, que se desenvolverá no Carballiño do 25 ao 28 de novembro, vén de seleccionar un total de 25 produccións audiovisuais para concursar no certame, e que serán proxectadas no Auditorio Manuel María entre os días 26 e 28 en oito sesións de 17,30, 19,00 e 20,30 horas.
A presentación do programa correu a cargo hoxe do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e do codirector do festival, Mario Filloy, nun acto que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello. “Unhas xornadas que veñen con moita ilusión, traballo e calidade, e, por elo, dende o Concello convidamos a toda a veciñanza e visitantes para que se acheguen ata o Auditorio”, apuntou Diego Fernández.
Pola súa banda, Mario Filloy salientou que “son 25 curtas dun total de 20 países na sección oficial e que proceden de diferentes nacionalidades coma Lituania, Haití ou Perú, entre oiutras, ademais de catro que serán estrea en España e outras 11 en Galicia”, e que serán sometidas á votación dos propios espectadores.
Coma novidade, “haberá unha sesión especial de cine de terror o venres 27 ás 23,00 horas, cun filme que será unha sorpresa, e outra o sábado 28, ás 11,30 horas, para o público infantil e familiar, coa proxección da película “Schrek”, coincidindo co 25 aniversario da súa estrea”, adiantou Filloy. Tamén se levará a cabo un obradoiro para a cativada na mañá do sábado 21, mentres o 25 será a inauguración oficial con “Taxi driver”, no 50ª aniversario da estrea deste mítico filme.

















