O futuro polígono industrial acollerase ó Proxecto Empresarial de Áreas de Galicia

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, mantiveron esta semana unha reunión en Santiago de Compostela co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, acompañados polo arquitecto municipal de Maside, Óscar Gónfer. Nesta reunión acordaron que o futuro parque empresarial que compartirán ambos concellos formará parte do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aproveitando a modificación que se está a facer do mesmo e o que evitaría ter que facer modificacións urbanísticas en ambos concellos. 

Ambos alcaldes esperan que deste xeito se axilice o proceso, urxindo contar con este espazo industrial. No caso de Maside, a urxencia é a falla dun polígono, e no Carballiño, ter completa a súa extensión dispoñible e non poder captar novas empresas por falla de espazo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os concellos dispoñen do prazo dun mes para presentar a documentación que xustifica as conexións das vías da contorna cos servizos, así coma unha análise da capacidade das redes urbanas municipais, co fin de reconsiderar a extensión proposta.