O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da exposición Martín Fernández, o libreiro curioso, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, do que salientou a “relevante contribución en pór en valor, revindicar e difundir o legado cultural local”. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que esta mostra, comisariada por Eva María Tobal, poderá visitarse ata a finais de setembro de 2027 no centro museístico da Xunta. Ademais, puxo en valor que “dá a coñecer non só a actividade ao redor do libro na provincia, senón o importante papel que desenvolveu neste eido o libreiro ourensán Martín Fernández”.
Ao respecto deste libreiro, Anxo M, Lorenzo salientou que, en 1799, recolleu en Curiosidades ou segredos do oficio de libreiro “os coñecementos, experiencias e trucos de oficio adquiridos ao longo da súa vida”. “Este caderno é un testemuño excepcional que se conserva na Biblioteca Nacional de España e que foi adquirido en 1878 por unha peseta”, precisou.
O papel de encadernación dos libreiros
O director xeral de Cultura destacou tamén a importancia desta proposta sobre o oficio de libreiro en Ourense, do que lembrou que conta cunha longa tradición “grazas á cal se conservou documentación que ilustra a profesión, así como acontecementos da vida cotiá”. Así, apuntou como os libros chegaban do prelo con cubertas fráxiles e era o comprador quen decidía como encadernalos, mentres que o libreiro era quen desenvolvía esta tarefa, ademais de reparar exemplares antigos.
A mostra, ademais de 19 pezas con material bibliográfico, ferramentas, pigmentacións e substancias colorantes, recrea un obradoiro de encadernación e amosa a guía de encadernación asignada polo libreiro ourensán. Martín Fernández, o libreiro curioso enmárcase dentro do programa da Xunta As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade, que conta neste ano con máis de 70 mostras en 18 equipamentos clave a nivel cultural e artístico e que configura a aposta continuada do Goberno galego polo acceso á cultura, á formación da cidadanía e á difusión da creación galega.
















