O Carballiño dixo “non” á violencia contra a muller nun acto celebrado na Casa do Concello

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A concelleira de Muller e Igualdade do Carballiño, Silvia Baranda, deu lectura ao manifesto oficial elaborado pola FEGAMP no acto institucional promovido polo Centro de Información á Muller (CIM) do seu departamento para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero (25N).

Esta actividade, que tivo como fío conductor un percorrido polos dereitos conqueridos en España polas mulleres nas últimas décadas, que correu a cargo de Clara Vázquez, do grupo Dar Trela Teatro, desenvolveuse ao mediodía nun ateigado salón de plenos da Casa do Concello.

O alcalde en funcións, José Castro-Gil, foi o encargado da apertura, onde estivo acompañado por membros da Corporación Municipal e axentes e mandos da Policía Local e Garda Civil do Carballiño.

O protagonismo do evento recaeu no alumnado dos centros de ensino da vila e os representantes da Cruz Vermella, Bó Día Familia, Aspadisi e Asociación de Mulleres, que presentaron as súas propostas literarias, escénicas e musicais para erradicar a violencia machista.

Os asistentes tiveron a oportunidade de visionar o vídeo elaborado por Badal Novas no que se recollen diferentes historias ficticias sobre aspectos do machismo que aínda perviven na nosa sociedade.

O acto contou co acompañamento musical do dúo ELOS, integrado por Marta Bravo e Sergio Tannus.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------