O PSdeG-PSOE de Punxín insta ao bigoberno municipal a que lle solicite á Deputación o arranxo da OU-0524 que une o Viñao con Amoeiro e que presenta un estado “lamentable”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

As e os socialistas consideran “urxente” actuar sobre esta vía de comunicación e reclaman a dotación de orzamento por parte do ente provincial para proceder a execución das obras que “tanto precisa esta estrada e coa maior brevidade posible”

Lorena Peleteiro afirma que a Deputación e o concello “levan 15 anos anunciando melloras e obras, pero os anos pasan e seguimos sen ver esas tan agardadas obras que solucionen os problemas da mesma”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria do día 30 na que insta ao concello a que lle solicite á Deputación de Ourense a mellora da estrada provincial da OU-0524 que une O Viñao con Amoeiro. As e os socialistas consideran “urxente” actuar sobre esta vía de comunicación e reclaman a dotación de orzamento por parte do ente provincial para proceder a execución das obras que “tanto precisa esta estrada e coa maior brevidade posible”.

Dende o grupo municipal socialista explican que a situación desta estrada no termo municipal de Punxín “é lamentable”, xa que tal e como apuntan “as fochancas e o mal estado do firme supoñen un perigo para os usuarios e as usuarias da mesma”. As concelleiras socialistas reclaman que a Deputación, titular da estrada se comprometa a resolver a situación para dotar de “seguridade viaria a zona e evitar posibles problemas orixinados polo mal estado da estrada”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que a Deputación de Ourense e o Concello de Punxín “levan 15 anos anunciando melloras e obras na estrada, pero os anos pasan e seguimos sen ver esas tan agardadas obras que solucionen os problemas da mesma”. Neste senso a edil socialista acusa ao Partido Popular de “prometer arranxos en vésperas das eleccións, para logo agochar esas promesas nun caixón”.

“En Punxín, todas e todos somos conscientes da necesidade urxente de mellorar a situación de dita estrada”, subliña Peleteiro Vázquez, que tamén destaca que “nin a Deputación fai nada para resolver a situación, nin o bigoberno municipal move un dedo para reclamar esta tan necesaria e urxente reparación”.

Dende o PSOE de Punxín consideran “primordial” arranxar esta estrada, “punto clave nas comunicacións dentro do noso municipio”. Lembran que ao longos dos últimos anos reclamaron ao concello que instase á Deputación a levar a cabo as reparacións necesarias, pero tal e como afirman “a resposta sempre foi positiva, pero o resultado negativo”.