Tiruleque suspende as actuacións desta fin de semana no Circulo de Teatro Amador

A situación que se vive por causa da Covid 19, e que mantén á comarca do Carballiño no nivel 2 de restricións, provocou que as asociacións culturais da vila suspendesen as actividades programadas para esta fin de semana. Entre elas, estaban a segunda representación teatral do Circuito Galego de Teatro Amador e o comezo da XIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, que ía a desenvolverse o próximo luns.

Precisamente, para dar conta dos cambios nestes dous eventos, comparaceron en rolda de prensa esta mañá o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e tres integrantes do grupo de teatro Tiruleque.

AVANTAR ACTIVIDADES

Diego Fernández aludiu á situación polo coronavirus no Carballiño para xustificar a suspensión dos actos culturais, e amosou o seu desexo de que podan mellorar os datos para proseguir coas actividades.

Patricia Torres, en nome da Deputación Provincial, que copatrocina co concello do Carballiño a Mostra de Teatro Amador, laiouse das circunstancias que acontecen actualmente, e expresou o seu desexo de que a Mostra se poda levar a cabo máis adiante. Dixo que a cultura é necesaria, e que espera que as medidas restrictivas na comarca podan ter un resultado positivo.

Xosé Prada, director de Tiruleque, apelou á petición do concello para suspender as dúas representacións programadas para este sábado, dentro do Circuito Galego de Teatro Amador, e o luns na apertura da XIII Mostra de Teatro Amador.

Asegurou que as actividades culturais desenvólvense con todas as garantías sanitarias de prevención, separación e seguridade, pois o auditorio desinféctase completamente tras cada acto, as butacas están perfectamente sinalizadas e o aforo é menor do 19% da capacidade, polo que son medidas moi estritas de cumprimento das normas preventivas polo coronavirus. Ao respecto afirmou que ningún acto cultural, nin no Carballiño nin en ningún lado, provocou ningún problema de posible contaxio, pois aplícanse normas moi estrictas.

Por isto, dixo que se ben se suspendían estas dúas representacións, en principio se proseguiría coa programación a partir da seguinte fin de semana, e que estas obras encaixaríanse según as dispoñibilidades das compañías e do auditorio municipal.   

No mesmo sentido pronunciouse a integrante do grupo Lidya Giselle. Dixo que as representacións teatrais proseguirían o 18, 24 e 31 de outubro, e que Tiruleque ía a estrenar a súa nova obra o día 14 de novembro e o 15 a repetirían.