O Colexio Santiago Apóstol de Narón e o CRA Amencer de Ribadavia, gañadores da terceira edición do concurso Pilabot

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Colexio Santiago Apóstol de Narón e o CRA Amencer de Ribadavia convertéronse nos gañadores da terceira edición do concurso Pilabot. Este é o fallo do certame anual organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade galega —Ecopilas, ERP e Ecolec—.

Na terceira edición do concurso participaron durante 6 semanas uns 36.000 alumnos dun total de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. Este ano pechou coa recollida de 53.868 quilogramos pilas, acumuladores e baterías usadas, un dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares, polo que por segundo ano consecutivo se superou a barreira das 50 toneladas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Deste total, o CPR Santiago Apóstol de Narón levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller case 5 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 4.749,70 kg—. Pola súa banda, gañador desta categoría o pasado ano, o CEIP Plurilingüe As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo da Guarda, foi segundo, grazas aos 3.287,85 kg recollidos.

Curiosamente, outro centro de Narón, o CEIP de Piñeiros, acabou terceiro, con 2.534,85 kg recollidos, mentres o cuarto posto foi para o CEIP da Cruz de Nigrán, con 2.421 kg.

Respecto da segunda categoría do concurso, que ten por obxectivo destacar o traballo dos centros coas mellores ratios de recollida por alumno, o gañador volveu ser por terceiro ano consecutivo o Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer de Ribadavia, con 62,80 kg por estudante, e de novo o segundo premio foi para o CEIP de Caión, da Laracha, cunha media de 49,36 kg por alumno, 3 máis que na anterior edición.

Os catro centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

Cinco rapazas premiadas no certame artístico

Unha das novidades da terceira edición foi o novo formato do concurso artístico #EuSonPilabot, dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes.

O xurado tamén acaba de fallar esta proba, na que resultaron gañadoras cinco rapazas —unha por categoría, por cada un dos ciclos das etapas educativas de primaria e secundaria—, tras presentar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU.

As alumnas premiadas cunha tablet son Lucía González Baz, de 2º de primaria do CEIP As Solanas (A Guarda); Gabriela Lourido Lago, de 4º de primaria do CEIP Plurilingüe de Outes; Candela García Rodríguez, de 6º de primaria do CPI O Toural (Vilaboa); Noa Crespo Sayar, de 1º de secundaria do IES Carlos Casares (Vigo); e Shiva Eliska Alinda Nurhakim, de 3º de secundaria do IES Perdouro (Burela).