Miranda e Alén coñecen a experiencia dos bolseiros beme que están a cursar este ano un mestrado no campus de Ourense da Uvigo grazas á colaboración da secretaría xeral da emigración

  • O secretario xeral da Emigración mantivo unha reunión xunto ao delegado da Xunta en Ourense cos galegos universitarios do exterior para coñecer a súa experiencia no campus das Burgas
  • O responsable da Secretaría Xeral recordou que mañá venres pecha a nova liña de bolsas de excelencia mocidade exterior
  • Rodríguez Miranda volveu a solicitar ao  Goberno central que a homologación dos títulos universitarios dos retornados estranxeiros sexa moito máis áxil

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, no Espazo Xove da Delegación da Xunta en Ourente, un encontro cos bolseiros Beme que están a cursar un mestrado no campus da UVIGO nesta cidade acompañado do delegado da Xunta, Gabriel Alén. Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte o campus da cidade das burgas, que son galegos retornados do exterior ou descendentes de galegos, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Durante o encontro, os alumnos trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

Un dos grandes problemas que trasladaron os bolseiros foi a lentitude coa que se tramita dende o Goberno central a homologación dos títulos universitarios dos seus países de orixe, o que lles afecta para poder buscar un emprego por conta allea en Galicia. Neste senso, Rodríguez Miranda volveu a solicitar ao  Goberno central que a homologación dos títulos universitarios dos retornados estranxeiros sexa moito máis áxil

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrado que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

Tal e como recordou o secretario xeral, nestes intres, e ata mañá, venres 30, mantense aberta a convocatoria para as bolsas do próximo curso, que aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19.   

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da Covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno). 

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.