O Parlamento insta ao Goberno a completar as tarefas de limpeza de biomasa pendentes ao longo de toda a rede ferroviaria galega

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

·        A deputada popular Cristina Campero sinala que os lumes deste verán en Maside, Punxín, Amoeiro e Ourense, vinculados ao paso dun tren de mercadorías, evidencian a necesidade de extremar o mantemento

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

·        Solicita a revisión de todos os protocolos de prevención e actuación fronte ao risco de incendios asociados á explotación ferroviaria, co fin de fortalecer a coordinación cos servizos autonómicos de emerxencias e prevención

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe instar ao Goberno central a que acometa as actuacións de prevención e xestión da biomasa pendentes ao longo de toda rede ferroviaria de Galicia, co obxectivo de protexer o territorio fronte aos incendios forestais. “ADIF ten unhas obrigas preventivas e debemos saber se as está cumprindo”, sinalou a deputada do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero.

A parlamentaria referiuse aos incendios rexistrados no pasado mes de xullo nos concellos de Maside, Punxín, Amoeiro e Ourense, cuxa posible relación co paso dun tren de mercadorías está a ser investigada; e ao de San Cribrao das Viñas, ocasionado pola caída dunha árbore seca sobre a catenaria; que puxeron de manifesto a importancia de extremar todas as medidas de prevención. Por este motivo, a deputada popular reclamou que se reforcen as tarefas de inspección e mantemento nas franxas de protección das vías, poñendo o foco naqueles treitos que presentan unha maior vulnerabilidade e se teña en conta, con especial sensibilidade, durante a campaña de alto risco –actualmente, en vigor ata o 31 de outubro-.

Ao abeiro da iniciativa popular –que saíu adiante sen votos en contra-, a deputada Cristina Campero solicitou información detallada sobre o grao de execución dos traballos do Plan anual de prevención e tratamento da biomasa, desenvolvidos por ADIF durante o presente exercicio, indicando as actuacións realizadas es que aínda permanecen pendentes: “Queremos saber que traballos se fixeron, que zonas se inspeccionaron, que actuacións quedaron pendentes e que medidas se están adoptando para reducir o risco”.

Segundo apuntou, a limpeza da vexetación e o mantemento das faixas de protección arredor das infraestruturas constitúen actuacións imprescindibles para reducir o risco de lumes e dificultar a súa propagación. “Se a un veciño se lle esixe manter limpa a súa parcela porque supón un risco de incendio, como non lle imos esixir a unha entidade pública que manteña as faixas de protección da infraestrutura que xestiona?”, indicou Campero.

A parlamentaria popular salientou que as infraestruturas ferroviarias requiren unha atención especial, tendo en conta a extensión da rede ferroviaria e a súa presenza en amplas zonas forestais; polo que considerou imprescindible que a empresa pública ADIF, dependente do Ministerio de Transportes, asuma as súas responsabilidades co máximo rigor. Para Cristina Campero, a mellor ferramenta para combater os lumes é anticiparse á súa aparición.   


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A iniciativa dos populares contempla, tamén, solicitar ao Goberno central a revisión de todos os protocolos de prevención e actuación fronte ao risco de incendios asociados á explotación ferroviaria, co fin de fortalecer de maneira efectiva a coordinación cos servizos autonómicos de emerxencias e prevención de incendios.

Para rematar, recordou o “esforzo importante” que a Xunta está a facer neste ámbito. Precisamente, neste 2026, destina máis de 75 M€ á prevención, cun incremento do 50 % respecto ao ano anterior. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------