Gabriel Alén destaca o compromiso da Xunta de Galicia co fomento do emprego feminino

O delegado territorial visitou esta mañá en Ourense a clínica médica dental ‘Elena Ribao’ beneficiaria do programa Emega

  • O delegado territorial destacou que na provincia de Ourense resultaron beneficiadas 67 emprendedoras,  que cun investimento de 831.000 euros crearon un total de 115 postos de traballo indefinidos, 69 por conta propia e 46 por conta allea
  • A nova convocatoria do programa Emega para este ano está dotada cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34%,2 máis que o ano pasado)
  • Gabriel Alén subliñou que “debemos seguir a incidir no deseño actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”
  • A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá na cidade de Ourense o centro médico dental estético ‘Elena Ribao’, beneficiario do programa Emega de emprendemento feminino, que recibiu da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade unha achega de 21.000 euros destinados á creación dun novo posto de traballo por conta propia e 5 indefinidos por conta allea.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial informou da recente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución das axudas do programa Emega para este ano, dotada cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34%,2 máis que o ano pasado),  permitiu conceder 346 axudas, un 47,9% máis que en 2021, no que se concederon 234. Con estes apoios autonómicos poderán impulsarse 241 novos proxectos empresariais e crearanse e consolidaranse 619 empregos femininos.

Gabriel Alén destacou que na provincia de Ourense resultaron beneficiadas 67 emprendedoras,  que cun investimento de 831.000 euros crearon un total de 115 postos de traballo indefinidos, 69 por conta propia e 46 por conta allea. “Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres -resaltou o delegado territorial- fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades”. Por iso, “debemos seguir a incidir no deseño actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”; sentenciou.

O crédito da convocatoria para este ano experimentou un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.

O programa Emega

O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar  unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.

As novidades

Como novidades este ano, ademais do incremento orzamentario global, tivéronse en conta os plans de igualdade vixentes como documentación acreditativa e se elevou a puntuación de pertenza das posibles beneficiarias a algún colectivo prioritario (mulleres con discapacidade, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos ou maiores de 45 no inicio da actividade laboral, desempregadas de larga duración…), valorándose cada unha destas circunstancias.

A Xunta consolida o seu apoio ao talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar o programa Emega en 2023, que conta con 26 anos de traxectoria en Galicia, como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral. O pasado 2021 o programa permitiu apoiar a cifra de 234 iniciativas empresariais de mulleres e a creación de 272 novos postos (158 por conta propia e 114 por conta allea) de mulleres, así como o mantemento doutros 240.

Coa convocatoria deste ano, desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 19 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de preto de 1.500 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear 2.084 postos novos e o mantemento de 648 preexistentes.