O Irixo, Boborás e O Carballiño serán o plató do filme “Malencolía” de Alfonso Zarauza

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director de cine Alfonso Zarauza asinaron hoxe un convenio de colaboración para a rodaxe do filme Malencolía, unha produción de Maruxiña Film Company realizada integramente en galego e que comezará o vindeiro 17 de maio, na súa meirande parte en escenarios do Concello do Irixo e con localizacións en Boborás e O Carballiño.


“Seguro que un novo éxito de Alfonso Zarauza, logo deses nove galardóns conseguidos nos premios Mestre Mateo, que nos permitirá seguir coa aposta que desde o goberno provincial fixemos hai tempo para converter a Ourense nun inmenso plató para producións audiovisuais, potenciando tamén o Festival Internacional de Cine no que esperamos se poda estrear esta longametraxe”, destacou Baltar no acto desenvolvido no Liceo.
O presidente provincial e o director estiveron acompañados polo produtor executivo, Martín Calviño, e pola meriande parte dos actores que integran o reparto, entre eles Melania Cruz, Xulio Abonjo, Diego Anido, Ledicia Sola e Tito Asorey.

AVANTAR ACTIVIDADES


O director e produtor gabouse por sacar adiante unha produción “netamente ourensán xa desde o seu propio título, pois a malencolía é un concepto do poeta ourensán Curros Enríquez que define un estado de ánimo fermoso que é a felicidade de estar triste”.
Engadiu que o filme, no que se mesturan os xéneros do terror e a comedia, abordará “temáticas que se utilizaron moito na literatura e na cultura galegas, pero que teñen pouco uso no cine actual, como é a nosa rica tradición literaria e cultural dos contos de medo, que queremos retratar nesta película nunhas paisaxes marabillosas”.


Cunha produción integramente galega, con técnicos e actores do país, Malencolía comezará a súa rodaxe o 17 de maio e prolongarase ata finais de xuño, na súa meirande parte en escenarios do Concello do Irixo e con localizacións en Boborás e O Carballiño. O filme narra a historia dunha parella galega (Xulio Abonjo e Melania Cruz) que logo de dez anos de residencia en Berlín deciden dar un novo rumbo a súa vida regresando a Galicia, onde mercan unha casa nunha aldea que cren abandonada pero na que vive unha señora (Iolanda Muíños) coa que manterán unha relación un tanto curiosa.