Espazo Común Punxín propón ao goberno local medidas para atallar os problemas de abastecemento no municipio

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Espazo Común Punxín vén de anunciar nunha nota de prensa que aposta por sumar solucións ante a crise da auga e pide ao Concello mellorar a comunicación, crear protocolos e coordinarse con outras administracións. Subliñan que “o desabastecemento é un problema de todos que require cooperación institucional con Augas de Galicia, a Deputación e concellos veciños,ademais de informar axeitadamente á veciñanza“.

Dende Espazo Común Punxín queren deixar claro que hoxe a súa intención non é criticar por criticar, xa que consideran que “a falta de auga que están a sufrir varias parroquias do noso municipio, con episodios especialmente complicados en zonas como Lamas e Vilamoure, é un feito obxectivo que nos afecta e nos preocupa a todos por igual, independentemente da cor política”.

Entenden que “a complexidade técnica e as dificultades derivadas do alto consumo nestas datas ou dos sistemas compartidos. Por iso, non poñemos o foco en culpar, senón en propoñer e mellorar a xestión dun servizo que é esencial para a vida cotiá de calquera fogar, imprescindible para tarefas tan básicas como cociñar, lavarse ou manter a hixiene”.

Dende esta formación política consideran que “o Concello e o seu rexedor, Manuel Vázquez, teñen unha clara marxe de mellora é na comunicación coa veciñanza, na ausencia de protocolos claros e na necesidade dunha maior cooperación institucional. A incerteza de non saber cando vai volver a auga ou non ter información previa xera un malestar que se podería evitar con transparencia, planificación e traballo en equipo con outras entidades.

Pensando no benestar de toda a poboación e especialmente de colectivos sensibles como a residencia de persoas maiores en situación de dependencia do noso municipio, dende Espazo Común Punxín tenden a man e piden ao goberno local a posta en marcha de varias liñas de traballo, Concretamente, unha maior coordinación interinstitucional, para liderar e promover un traballo conxunto e coordinado co resto dos órganos de xestión, optimizar os recursos compartidos e previr futuras crises de desabastecemento.

Tamén propoñen canles de información directa, como a creación dun medio de comunicación oficial e áxil para avisar con antelación á veciñanza, evitando que a xente se atope sen auga por sorpresa, e uns protocolos de prevención e control, establecendo pautas claras para xestionar os picos de consumo de xeito regulado e previr o desabastecemento antes de que se produza.

Dende Espazo Común Punxín reiteran a súa disposición para colaborar, propoñer e traballar conxuntamente por un Punxín mellor informado, preparado e atendido.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------