Os datos da actividade de Expourense en 2025 consolidan o seu papel de dinamizador económico, empresarial, deportivo e social da provincia de Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Fundación Expourense presentou esta mañá os datos de 2025, 12 meses de intensa actividade nos que a actividade feiral e a deportiva compartiron protagonismo a través da organización de 10 feiras (dúas delas co Selo de Internacionalidade do Goberno de España) e 42 competicións deportivas campionatos de atletismo de carácter autonómico, nacional e, por primeira vez, internacional. Os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e eventos) superaron as 111.000 visitas. Estes datos consolidan ao recinto feira como un axente dinamizador da actividade económica, empresarial, deportiva e social que fomenta o negocio e o talento, tanto de toda Galicia en xeral como da provincia de Ourense en particular.

A actividade de Expourense no 2025 está recollida nunha publicación que foi presentada esta mañá nun acto presidido polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, que acudiu coa delegación expresa do presidente do Padroado da Fundación, o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, que descatou que Expourense é “un lugar de encontro, cooperación e entendemento”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Estivo acompañado polos representantes das entidades que tamén forman parte do Padroado como Manuel Pardo Cid, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense; Marta Nóvoa Iglesias, vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense e alcaldesa do Concello de San Cibrao das Viñas; Aníbal Pereira Novoa, tenente alcalde do Concello de Ourense; David Martínez Alonso, presidente da CEO, e José Manuel Nogueira Durán, coordinador institucional de ABANCA. Todas estas entidades (Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Ourense, Concello de Ourense, Concello de San Cibrao, Confederación Empresarial de Ourense- CEO e ABANCA) son as que integran o Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense.

A presentación dos datos de actividade de 2025 correu a cargo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, quen insistiu en que “Expourense é a casa de todos, un espazo de cooperación público-privada no que todos temos o mesmo obxectivo: o desenvolvemento socioeconómico de Galicia en xeral e da nosa provincia de Ourense en particular. E contribuímos a todo isto organizando citas únicas que fomentan a competitividade das nosas empresas e que facilitan contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, a viticultura, o turismo activo ou a automoción”.

Este acto rematou co acto de entrega a Expourense do recoñecemento aos 25 anos de Certificación en Calidade (ISO 9001) que correu a cargo da Directora de Operación da Rexión Atlántica AENOR, Rebeca Fernández.

Actividade feiral

Expourense organizou en 2025 un total de 10 feiras. Relacionado coa internacionalización dos proxectos do recinto destacou a celebración de Termatalia en Paipa-Boyacá-Colombia que foi xa a sexta edición da feira en América Latina. Tratouse dun evento calificado de “espectacular” polos propios organizadores e anfitrións. Reuniu a máis de 2.000 profesionais de 18 países e serviu para que Colombia demostrase o seu compromiso co turismo de saúde buscando posicionarse nun lugar destacado no mapa dos principais destinos termais internacionais.

Ademais de Termatalia, Expourense organizou en 2025 outras nove citas feirais: Previsel, Salón do Vehículo Clásico, Car Outlet, Ourense Vinis Terrae, Salón do Automóbil Novo e de Ocasión, Xantar (con Selo de Internacionalidade), Antiq Auria e Sportur Galicia. Está última dividiuse en dous salóns diferentes: un celebrado no mes de maio e centrado nos Xogos Deportivos Inclusivos e o Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte celebrado en decembro.

O 2025 viu nacer ademais un novo proxecto, a Feira da Educación de Ourense, que foi promovido de forma conxunta entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense. O éxito de convocatoria e participación do evento levárono a ser incluído no calendario feiral do recinto.

Estas citas reuniron a un total de 367 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación pódese falar de 33 países representados (A Arxentina, Alemaña, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Dinamarca, Ecuador, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Islandia, Italia, México, Noruega, Países Baixos, Panamá, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia, Suíza, Tailandia, Uruguai e Venezuela).

Actividade deportiva

Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta (denominada short track ou pista curta), unha das tres de España e unha das mellores de Europa. No ano 2025, esta pista acolleu 42 de competicións deportivas e sesións de adestraiento que reuniron a un total de 24.300 visitas. Expourense acolleu no 2025 o I Meeting Internacional de Atletismo, un Campionato de España de Atletisomo Sub-16 Short Track e de Atletismo FEDDI.

Eventos

As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha vintena de eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referenteno sector MICE (organización de ferias, eventos, congresos e incentivos) de Galicia e constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.

O recinto foi elixido por empresas de formación como Ilerna para realizar os seus exames oficiais o como Saltoki que impartiu no recinto formación aos seus asociados e clientes e por entidades como ATAVE ou o Colexio Galego de Farmacéuticos para realizar a súas asembleas anuais. Tamén acolleu a presentación en Galicia da empresa Softmatic e a celebración do primeiro Encontro de “Ourense, Territorio Emprendedor”. Tamén foi o lugar elixido para a celebración do Salón Auto promovido polo Club Nipón Ourense e, por segundo ano consecutivo, acolleu -o parque educativo e de lecer Funtastik que reuniu a máis de 10.000 persoas en dúas fins de semana.

Expourense acolleu a primera edición do Ou Yeah Fest! e a primeira edición en Ourense da feira Expofamilias. A estas actividades súmanse xa outros eventos habituais como o Rallye de Ourense ou o “OUR FEST” que celebrou a súa cuarta edición. Tamén foron as instalacións elixidas para ofrecer lecer ás familias ourensás acollendo ao longo do ano dous circos.

Formación

No 2025, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Expourense e a empresa ourensá de marketing dixital DixitalGou puxeron en marcha unha nova edición, a terceira, edición de Inspiro, o Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) de Galicia.  

A estes congresos hai que sumar as xornadas técnicas organizadas en feiras como Previsel, Termatalia, Xantar ou o Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables- Arquitectura Sostible organizado de forma conxunta coa empresa ourensá Ingeo e que celebrou a súa 18ª edición. Expourense é tamén un centro autorizado para impartir formación a desempregados a través dos Cursos AFD da Xunta de Galicia. Durante o 2024 impartíronse 8 cursos, algúns deles dúas ou tres veces ao longo do ano. Participaron neles un total de 177 persoas.

A Memoria de Actividades de Expourense de 2025 pode consultarse aquí: https://www.expourense.org/wp-content/uploads/MEMORIAEXPOURENSE2025.pdf

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------