O domingo 24 na Praza Maior de Ribadavia terá lugar un dos concertos piperegrinos.

RIBADAVIA TERÁ UN ENCONTRO DE GAITEIROS DA PENÍNSULA IBERICA “PIPEREGRINOS”.

Entre os días 23 e 31 de outubro, seis afamados intérpretes de Galicia, Cataluña, Aragón, Asturias, Castela e León e Portugal actuarán en oito vilas galegas — Piperegrinos é un espazo de difusión e posta en valor de diferentes gaitas ibéricas e dos seus repertorios dirixidos a todos os públicos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o Concello de Ribadavia agradecemos á Xunta de Galicia que, no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022, programe un concerto do “acontecemento Piperegrinos, as gaitas do Camiño”, grazas ao cal poderemos gozar en Ribadavia de un encontro de destacados gaiteiros de toda a Penísula. Sendo Ribadavia unha das oito vilas galegas nas que entre os días 23 e 31 de outubro terá lugar este espectáculo.

Trátase dun espectáculo musical itinerante que por primeira vez reúne no mesmo escenario a destacados gaiteiros da Península Ibérica cunha longa e recoñecida traxectoria artística profesional. Piperegrinos, as gaitas do Camiño resalta a importancia da gaita como instrumento representativo das culturas europeas ao tempo que invita aos espectadores a unha viaxe sonora a través das diferentes gaitas ibéricas, coas que representar o importante intercambio cultural que se produciu nos distintos camiños de peregrinación a Santiago.

Trátase ademais, dun espazo de difusión e posta en valor das diferentes gaitas ibéricas e dos seus repertorios nun formato actual achegado á música folk e dirixido a todos os públicos, no que tamén ten cabida o público especializado. Neste sentido, este acontecemento situará a Galicia como punto de referencia do encontro e convivencia das gaitas ibéricas, que potencia a presenza de gaiteiros galegos e foráneos na escena musical do noso país e propicia sinerxías e alianzas para futuras colaboracións artísticas. Artistas O programa Piperegrinos incluirá a participación de 6 intérpretes de gaita que actuarán en formacións trío e dúo, coa participación de 17 músicos. Os gaiteiros que intervirán neste acontecemento son: Francesc Sans, co instrumento sac de gemecs, de Catauña, acompañado de Manel Martorell, mandola, e Titus Prats, percusión; Adrián Gil, coa gaita de boto, dese Aragón, acompañado de Alberto Navas, violín, e Serchio Pardos, guitarra, percusión; José Manuel Tejedor, coa gaita asturiana, desde Asturias, acompañdo de Richard García, teclado, e Daniel Álvarez, bouzouki, bodhran; Luis Antonio Pedraza, con gaita sanabresa, desde Castela e León, acompañdo de Carlos Beceiro, guitarra, e Miguel Mateos, tambor sanabrés; Tiago Morais, intérprete da gaita mirandesa e gaita de sesimbra, desde Portugal, acompañado de Tiago Marques, acordeón e cavaquinho; e Oscar Ibáñez, gaita galega, de Galicia, acompañado por Xosé Li,- bouzouki- e Andrés Vilán – caixón-.

Para Ribadavia é importante, ademais de poder gozar deste espectáculo, estar entre as vilas elexidas e ligadas ao camiño xacobeo, pois a nosa vila é paso obrigado e central do camiño Ribeiro-Miñoto, que está adquirindo un maior peso e recoñecemento como camiño xacobeo.

Desde o Concello agradecemos á Xunta que elixira Ribadavia entre as 8 vilas galegas e agardamos que a aposta da Xunta polo espirito xacobeo de Ribadavia e do Ribeiro continúe nos vindeiros anos.