O Rural si, pero…

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Máster en Viticultura e Enoloxía


«Os alcaldes e alcaldesas deberían xuntarse para petar nas portas onde se xestionan os recursos, pois as comarcas do Ribeiro-Carballiño están lonxe de Madrid e Bruxelas, pero tamén existen»

O declive percíbese desde hai tempo: a provincia de Ourense contaba en 1950 con medio millón de habitantes e na actualidade escasamente supera as 300.000 almas, perdendo 125.000 habitantes nas últimas catro décadas. Centos de aldeas desapareceron para sempre, e a propia capital provincial está perdendo habitantes, rompendo unha tendencia habitual na Europa próxima: o incremento das cidades e metrópoles en detrimento do rural.

Falabamos aquí hai uns días de recuperar o rural. Si, pero mal podemos esperar que levante cabeza o rural sen uns servizos e dotacións mínimos nos núcleos: abastecemento de auga, saneamento, electricidade ou telefonía, que tamén. Nestas infraestruturas deberíamos incluír tamén as redes de datos de alta velocidade, pois non podemos seguir na prehistoria dixital no século XXI.

Pero os servizos básicos son bastante máis que iso. Se queremos un rural atractivo para que a xente quede, estableza alí a súa familia, o seu modus vivendi ou retornen aquelas que algún día fixeron as maletas, necesitamos algo máis: garderías, escolas, institutos, centros de saúde, delegacións dos organismos públicos (oficinas agrarias, de facenda ou de emprego …) e tamén talleres mecánicos, comercios, perruquerías, bancos, bares, policía ou garda civil, papel que tradicionalmente desenvolveron as vilas ou cabeceiras de comarca.

Seguramente non debemos pensar en recuperar os trinta e tres mil núcleos de poboación que constituían o mosaico habitacional do noso país. Nin o debemos pretender, pois a realidade social e as dinámicas de poboación son outras. Pero podemos poñer en produción duascentas ou trescentas mil hectáreas de superficie agraria útil abandonadas sen  ter que residir expresamente no lugar ou aldea encravada, pero si na contorna próxima. Por iso que debemos facer un especial esforzo en manter e dotar dos servizos que falabamos, cando menos, a aqueles concellos que constitúen a trama comarcal.

O Carballiño non é a vila. O Carballiño é tamén Boborás, Beariz,  O Irixo, Cea, San Amaro, Maside, Piñor e Punxín. E Ribadavia tamén é  Beade, Carballeda de Avia, A Arnoia, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, , Cortegada, Melón ou Avión, disputado por ambas vilas. Ou de que viviron os bares, comercios, bancos, oficinas e as feiras de ambas vilas nos últimos cen anos?

Non nos enganemos; Ribadavia non será nada sen a comarca do Ribeiro e o Carballiño non será ninguén sen a comarca de Orcellón. Hai que crear sinerxías dentro das comarcas e tamén entre as propias vilas cabeceiras, aínda que no fútbol manteñamos as distancias, iso si.

E algo terá que ver a política en todo isto: éxodo e envellecemento do que se teoriza en todos os foros, pero esquecido á hora das realidades: o Plan Estatal do Reto Demográfico cunha dotación de 10.000 millóns de euros non contempla especificamente nada para a provincia, do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia  e REACT-UE dos Fondos Europeos “Next Generation“ nada sabemos. Ao mellor, os alcaldes e alcaldesas deberían xuntarse para mancomunar certos servizos, si, pero tamén para petar nas portas onde se xestionan eses recursos, pois as comarcas do Ribeiro-Carballiño están lonxe de Madrid e Bruxelas, pero tamén existen. E xuntos, obviamente, somos máis

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser