O PP vota con Jácome en contra da iniciativa do Psdeg-Psoe para acordar a sinatura da moción de censura contra o alcalde pola súa “incapacidade para xestionar o concello”

Villarino defendeu a urxencia dunha moción para mudar o microgoberno” municipal por un proxecto alternativo para a capital ourensá, apoiada por todos os grupos da oposición, menos polo PP

“Non queren que entremos no Concello de Ourense porque se acabaría o cacicato”, díxolle Villarino a Flora Moure, quen admitiu que o PP non apoia nin apoiará” a moción para desaloxar a Jácome

O grupo municipal do PP foi o único partido da oposición que rexeitou apoiar, na sesión plenaria de hoxe, a iniciativa do PSdeG-PSOE para acordar a sinatura da moción de censura que permitiría desaloxar a Jácome da alcaldía. A proposta dos socialistas foi defendida polo voceiro do grupo no Concello de Ourense, Rafa Villarino, quen xustificou a urxencia na necesidade de mudar o “microgoberno” municipal por un proxecto alternativo e de futuro para a capital ourensá.

Publicidade Premer na Imaxe

Villarino fixo unha enérxica defensa a favor da moción de censura contra un alcalde “sen escrúpulos”, cuxo desleixo levou a “perder case un millón e medio de euros da subvención para a rehabilitación da praza de abastos”, que “malgasta millóns en proxectos baleiros” e que suple as carencias do seu microgoberno de tres concelleiros cun “séquito” de asesores.

O voceiro municipal apuntou á responsabilidade do PP nesta situación, lembrando que deixaron gobernar a Jácome cun único propósito: manter a Deputación de Ourense”. Ademais, Villarino asegurou que os populares “non queren que entremos no Concello porque se acabaría o cacicato”, logo de que a edil popular Flora Moure admitira que o PP “non apoia nin apoiará” a moción para desaloxar a Jácome.

“Quedaron retratados como os únicos que amparan a unha persoa que vostedes mesmos chamaron letal para Ourense”, declarou Villarino, quen lle pediu aos populares que clarifiquen, xa, se están dispostos a mudar o microgoberno por un proxecto alternativo e de futuro: “Dígame agora mesmo se imos ter a Jácome ata 2023 como alcalde de Ourense, porque iso só depende de vostedes”.