Marchou o tren

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

AVANTAR ACTIVIDADES

Máster en Viticultura e Enoloxía

Artigo : ” Marchou o tren “

«Recibida carta del ayuntamiento de Medina del Campo convocando una asamblea promovida por la Casa América de Barcelona para gestionar la rápida realización de los ferrocarriles Zamora-Ourense y Aranda-Medina que han de acortar notablemente las distancias entre Vigo-Barcelona-Madrid, favoreciendo la buena comunicación con América”  manifiesta el alcalde la necesidad de asistir  a “tal transcendente acto para la vida y prosperidad de esta provincia” para lo que se crea una Comisión a tal efecto»

Así reza a acta do Pleno Municipal de Ourense de 8 de xuño de 1917 (presidido polo alcalde D. José Pereira Rodríguez, veciño de Seixalbo) que reflicte o interese por esta liña ferroviaria. Esta Comisión regresaría días despois «con grandes loas y venturas por trato recibido en la villa»

Tardaría décadas en facerse realidade o trazado, que continuaría de Ourense a Coruña (a conexión a Vigo xa existía). A crise de 1929 significaría unha ralentización das obras pola falta de materiais. En 1934, o gobernador civil de Ourense,  señor Ibars, afirmaba que os traballos do ferrocarril levaban gran celeridade, pero con certas dificultades pola tardanza en recibir a dinamita que se empregaba.

A guerra civil significaría outro retraso das obras previstas para cinco anos e que acabarían demorándose máis de trinta, ata 1958, incluso con previsibles “distraccións” de dinamita para outros fins no período bélico. O enxeñeiro Enríquez Parrondo, animado polos empresarios e comerciantes locais, e co apoio de outros “insignes”, sería o promotor do estraño sesgo que fai a vía para desviarse da traza inicial e pasar polo Carballiño, onde deseñaría unha fermosa e bulliciosa estación para centos de estudantes que se desprazaban a Santiago ou Ourense, xunto con toneladas de madeira, miles de becerros e outras mercadorías partían cara a distintos puntos da xeografía peninsular.

“La mayor pérdida desde la Guerra Civil” indicaba hai escasos días La Región nun titular non exento de dramatismo pero certeiro, referido á enésima supresión de liñas de tren. A mobilidade de proximidade ten un interese social que pode facilitar o desenvolvemento económico dun rural do que tanto se fala pero cada vez máis en declive. “Tal transcendente acto para la vida y prosperidad de esta provincia”, dicía o alcalde seixalbés.

Por que non demandar as competencias en transporte de cercanías e crear un ente ferroviario propio en Galicia que poda deseñar e poñer en marcha un plan metropolitano de transportes aproveitando as infraestruturas existentes, como xa existe en outras comunidades. A dura orografía foi salvada por máis de quince mil operarios escavando túneles e levantando viadutos, algúns de fermosa factura como o de Ourense. O máis difícil xa está feito.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser