Gabriel Alén destaca o compromiso da Xunta pola sustentabilidade do agro na comarca da Limia

O delegado territorial da Xunta reuniuse esta tarde con representantes das catro comunidades de regantes

  • As catro comunidades de regantes constituíronse nunha soa para asinar o convenio co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e SEIASA de construción e explotación de 40 novos pozos para a mellora do regadío
  • O delegado territorial subliñou os 39 millóns de euros que se investirán na comarca por parte da Xunta e do Estado, uns fondos conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego

Ourense, 12 de decembro de 2022. –  O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse esta tarde con representantes das catro comunidades de regantes beneficiarias da mellora e modernización do regadío da Limia (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a constitución dunha soa comunidade que poida asinar o convenio co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e SEIASA.

AVANTAR ACTIVIDADES

A sinatura do convenio -explicou o delegado territorial- contempla a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas – A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes. Así mesmo, destacou os preto de  seis millóns de euros de fondos propios da Consellería do Medio Rural destinados a completar a actual rede de pozos da Limia, coa construción dos 40 que inclúe o convenio co Ministerio, a súa electrificación e bombeo.

Gabriel Alén lembrou tamén os outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

A este montante, subliñou o delegado territorial, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta para a reparación de camiños desta bisbarra -en colaboración coa Deputación de Ourense-. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

Deste xeito, Gabriel Alén puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da comarca da Limia, aínda que o representante do Goberno galego solicitou máis esforzo por parte do Goberno central para que a modernización do regadío estea á altura da bisbarra. Un sector, dixo, ao que lle agradeceu a súa decidida vontade de avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e que grazas a eses fondos -conseguidos mediante ás xestións levadas a cabo por parte da Administración galega- se logrará un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.