Recuperar o Rural

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

AVANTAR ACTIVIDADES

Máster en Viticultura e Enoloxía


«Hai que conseguir un rural atractivo para esa nova xeración, ou collerá outra vez as maletas»

A comarca do Carballiño leva máis de cen anos exportando man de obra, primeiro para as Américas e logo tamén para Europa e mesmo para as metrópoles da península. E esa importante riqueza que retornaba de mans da nosa emigración forzou un crecemento urbano (desordenado, todo hai que dicilo) da vila pero non foi aproveitado para un desenvolvemento do sector primario ou industrial agás honrosas excepcións. As Caixas de Aforros creadas con moito esforzo para canalizar ese remanente de divisas pronto perderon aquela concepción social e cooperativa para converterse en meros Bancos e caer atrapadas na burbulla inmobiliaria e desaparecer. Hoxe xa non exportamos brazos fortes, senon cerebros ben preparados e capacitados, que formarán as súas familias no exterior e retornarán de cando en vez para ver aos seus maiores ou comer o pulpo no Parque cada segundo domingo de agosto.

Tamén no rural compre inverter esta tendencia que se veu producindo nas últimas décadas, afondar no desenvolvemento endóxeno sostible que permita fixar poboación. Hai que mellorar a estrutura territorial das explotacións existentes ou creación de novas, facilitando o acceso á terra e a redución dos inputs e por tanto, os custos de produción, e tamén o fomento da diversificación das actividades agrarias con apoio efectivo para a realización de investimentos.

Compre pensar na reestruturación e mellora da eficiencia das explotacións e do seu factor humano, orientadas a un modelo agrícola, gandeiro ou forestal sostíbel e multifuncional. A mellora do capital humano resulta imprescindible para a continuidade das explotacións, e hai que garantir o relevo xeracional nas actuais e mesmo a incorporación de xente moza para as novas iniciativas.

Pero fai falta algo máis: compre unha aposta decidida por impulsar procesos de reestruturación parcelaria, de transformación artesanal ou industrial agrícolas, gandeiros e forestais, que permitan aportar valor engadido ás nosas producións e a creación de emprego. E resulta fundamental mellorar as canles de comercialización para un modelo de consumo que experimentou cambios significativos nesta pandemia. Xa falamos da posible creación dunha gran plataforma loxística e de distribución para as nosas producións agrarias, pero é necesaria unha aposta decidida pola dixitalización do sector en todos os niveis, o que esixe un labor importante en capacitación e, por suposto, en infraestruturas, de xeito que as redes de datos cheguen de xeito efectivo ao rural.

Os fondos Next Generation que a Unión Europea acordou para superar a crise do Covid-19 deberían ter utilidade -tamén- para a mellora dese capital humano que pensamos imprescindible, para conseguir un rural atractivo a esa nova xeración, ou collerá outra vez as maletas.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser