Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

Máster en Viticultura e Enoloxía


A lei é un instrumento. Tamén o fouciño. Se temos un fouciño, un supoñer, podemos usalo para segar o trigo, para rozar os toxos, para chimpar os eucaliptos que agroman tras un incendio ou para desfacérmonos dos carballos que nacen das landras que xa ninguén aproveita. Ou simplemente deixalo enferruxar no pendello a espera de mellor vida. Depende pois de quen o teña ou queira usalo.

A lei de recuperación da terra agraria de Galicia era necesaria. Por iniciativa do conselleiro do Medio Rural Alfredo Suárez Canal aprobouse a lei do Banco de Terras e andou a piques de aprobarse a lei de Reforma das Estruturas, hai doce anos, cando as urnas retornaron ao Partido Popular a San Caetano, no que parece o seu estado natural. Sabían os nacionalistas da necesidade de acometer reformas estruturais, e frear a perda de superficie agraria útil que convertía o pasto gandeiro en pasto do lume ano si e ano tamén; e tamén o sabían os populares.

Sorprende pois que, coincidindo na diagnose, o PP tardara tantos anos en reaccionar e tratar de poñer coto a esta desfeita. Logo de meses de agochar un texto súper-segredo, demos a benvida a iniciativa do conselleiro José González que me atrevo a cualificar de valente. Os propios colegas populares tiveron que emendarlle a plana con cento trinta e pico emendas. Con moito traballo de punto e coma de Martín Seco, do grupo parlamentar socialista (que mellora o texto, todo hai que dicilo) e con determinadas cargas de profundidade que logra inserir cun titánico esforzo o deputado Xosé Luís Rivas “Mini” do grupo parlamentar nacionalista, o texto final que xa pendura no DOG resulta máis dixerible.

Despois de doce anos e outras cen mil hectáreas perdidas, velaí o instrumento: a lei de recuperación, aprobada en solitario polo PP, cunha educada abstención do PSOE e coa oposición do BNG, desconfiando que se aplique a súa emenda fulcral: «que os terreos aptos para o cultivo de producións ligadas ás explotacións agrogandeiras sexan obxecto de recuperación prioritaria para o dito uso agrogandeiro», por ir precedida dese desiderativo “procurando”, así como a falta de compromiso orzamentario e sabedor de que a lei aprobada tanto pode valer para forestar ad libitum como para producir alimentos, segundo quen a aplique.

En definitiva, a lei é un instrumento e a súa eficacia depende de quen faga uso dela. Hoxe, o fouciño está en mans populares pero … nunca choveu que non escampara.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser