O Gran Balneario de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

Máster en Viticultura e Enoloxía

Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do concello de Ourense


A creación da España das provincias levada a cabo por Javier de Burgos en 1833 pódese considerar xa un modelo anacrónico e obsoleto case 200 anos despois, máxime desde que en 1978, a Constitución consagrase o modelo de Estado Autonómico. Quizais falte unha descentralización administrativa local con impulso decidido á unha verdadeira comarcalización, que substitúa ao modelo provincial, no que as Deputacións non terían sentido, e os seus orzamentos e persoal pasarían a integrarse á administración autonómica e entes administrativos comarcais.

Así, non tería razón de ser o actual uso do Pazo provincial que, por certo, como edificio administrativo está desactualizado, nunha época en que os funcionarios de manguitos e escribanos de papel timbrado, póliza e selo de lacre son substituídos pola administración electrónica e sinatura dixital.

SPORTUR GALICIA 2022

No fragor da contenda electoral, hai máis de dúas décadas, en algún mitin chegamos a manifestar, non sen certa retranca,  a utópica pretensión de que “debería desaparecer a Deputación” e converter o Pazo provincial nun balneario, canalizando a auga das Burgas ata alí, en vez de tirar 400.000 litros diarios de auga termal ao río, sen aproveitamento ningún.

Incluso, creo que en algún Pleno do concello de Ourense (aqueles plenos nos que se debatía con paixón, e educación, todo hai que dicilo) fixemos esta mesma aseveración diante do concelleiro Sr. Baltar (senior) cando compatibilizaba a súa acta de edil na cidade coa presidencia da Deputación. Estou seguro que, todo o máis, esbozaría o discreto sorriso que caracterizaba ao veterano e experimentado político. Poderán supoñer vostedes que, pola súa alta responsabilidade provincial, era obxectivo constante dos ataques da furibunda oposición nos plenos municipais (sen insultos, insisto, pois daquela, había argumentos) aos que, indefectiblemente respondía cun inmutable rictus estilo Buster Keaton, e sepulcral silencio, que contrastaba coa locuacidade da que, pola contra, facía gala nos plenos provinciais.

Pois as utopías poden chegar a converterse en realidades, polo menos, a medias. E, sorprendentemente, da man de quen menos podíamos esperar aqueles soñadores aprendices de políticos. Pode ser o Sr. Baltar (junior) o que transforme o Pazo Provincial no Gran Hotel Balneario que a cidade de Ourense necesita, desta volta bombeando auga a 170 metros en troques de canalizar a sobrante das Burgas (sigo pensando que non deben descartar esta opción).

Xa estaría medio traballo feito; so faltaría a segunda parte, a supresión das Deputacións e traslado de competencias á Xunta e aos entes comarcais. E máis pronto que tarde, a ver se os vellos da miña quinta podemos visualizar a utopía. So espero que as Burgas non sequen coa operación; facer as cousas con coidadiño, non sexa o demo …

—————————————————————————————————

Outros artigos de Xosé Carballido

A tarifa eléctrica

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser