A Comisión Territorial analiza a situación da covid e a vacinación en Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presidiu esta mañá a Comisión Territorial, na que se deu repaso aos temas referidos á Administración autonómica nos concellos da provincia de Ourense.

Na reunión, que contou coa presenza dos xefes territoriais, analizáronse especialmente os anuncios por parte da Xunta dos investimentos en materia sanitaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

O investimento total da Xunta en infraestruturas de atención primaria na provincia de Ourense foi de preto de 13 millóns de euros desde 2009. Ademais, nos orzamentos deste ano contémplase unha partida de 100.000 euros para contratar o proxecto do novo centro de saúde de A Rúa que ven de asinarse, así como 2,5 millóns para contratar o proxecto e iniciar a obra dun novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense.

En canto aos centros comarcais, están en marcha as obras nas consultas externas do Hospital de Valdeorras, cun investimento de 450.000 euros, á que pronto se unirá outra, xa licitada por 1,4 millóns, para reformar e ampliar as áreas de cirurxía maior ambulatoria, farmacia e hospital de día; en Verín, ven de presentarse o proxecto de ampliación e mellora do Hospital. As obras abarcarán unha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados, e contarán cun investimento previsto de 2,4 millóns de euros para construír un novo edificio, que albergará o Punto de Atención Continuada (PAC) e o servizo de Urxencias.

En canto ao CHUO, o pasado venres publicouse xa no Diario Oficial da Unión Europea un anuncio previo á licitación detallando as características do contrato e o seu importe. que suporá 50 millóns máis de investimento para ir completando o plan director deste complexo hospitalario

Avaliación da incidencia da COVID -19

Así mesmo, tamén se avaliou polo miúdo a incidencia da pandemia de xeito transversal coas cifras e medidas dos departamentos de Sanidade, Educación e Política Social, que revelou que a situación das residencias é óptima tras acadar a inmunización de usuarios e traballadores tras completarse o proceso de vacinación.

O delegado territorial, Gabriel Alén, valorou moi positivamente o desenvolvemento deste tipo de comisións, “xa que serven para engraxar aínda máis o funcionamento de todos os departamentos, analizar toda a casuística que se produce nos municipios da provincia”.