A licitación da rehabilitación de tres edificios no casco histórico de Ribadavia anticipa a oferta de nove vivendas protexidas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ven de abrir o proceso de licitación para a rehabilitación de tres edificios situados no casco histórico de Ribadavia. Estas intervencións darán como resultado nove novas vivendas de promoción pública (VPP), contribuíndo con elas á revitalización e restauración do centro urbano ao tempo que se incrementa a oferta de vivienda accesible na vila. As intervencións previstas inclúen a rehabilitación dun edificio na Praza García Boente, 1; para habilitar cinco vivendas, para o cal se adica un investimento de 1,7 millóns de euros, dos cales 226.818 proceden de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

Así mesmo, tamén se levará a cabo a rehabilitación doutros dous edificios situados na Rúa Cervantes e na Praza San Xoán, o que dará lugar a catro vivendas máis cun orzamento conxunto de 990.892 euros. Ademais de vivendas, o edificio que se rehabilitará na Praza de San Xoán tamén contará con dous rochos. O da Praza García Boente sumará ás vivendas cinco rochos e un local, que tamén son obxecto da actuación.

Estas actuacións enmárcanse no programa Rexurbe, a través do cal a Xunta de Galicia promove a rehabilitación de inmobles en cascos históricos para destinalos a vivenda pública en réxime de alugueiro accesible. Ata o momento, no marco deste programa, a Administración autonómica adquiriu 94 inmobles en once concellos, que darán lugar a 167 vivendas públicas, das cales 33 xa están finalizadas e unha decena están en obras. Deste xeito, as obras que se realizarán no casco histórico da capital do Ribeiro e que se insiren dentro dun proxecto autonómico, contan cun prazo de execución de 15 meses no caso do edificio da Praza de García Boente e de 18 para os situados na Rúa Cervantes e na Praza San Xoán, actuacións que están cofinanciadas pola UE.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a construción de vivenda social e facelo, ademais, en edificios enerxeticamente eficientes, contribuíndo ao tempo ao desenvolvemento sustentable e á mellora da calidade de vida da cidadanía. O proceso de contratación está xa aberto ás empresa interesadas, que poden presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.