A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa co seu programa Artesanía na Escola, enfocado na divulgación dos oficios artesanais entre os escolares de Educación Primaria de diferentes localidades galegas. Esta mañá o artesán Jorge Bellón achegouse ata o CPI Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea, para realizar unha demostración da elaboración dos sanandresiños, as figuras de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira). Esta actividade complementa a unidade didáctica Eu son artesán de figuras de pan, na que estiveron traballando os nenos e nenas previamente.
O artesán Jorge Bellón (Cedeira) dedícase a reproducir estes amuletos ancestrais, moldeados con fariña e pintados á man, que se empregaban tradicionalmente para apelar a protección do santo en diferentes aspectos da vida: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde e para a amizade, a sardiña para o alimento, a man para os estudos, a escaleira para o traballo, a coroa para a protección e a pomba para a paz.
Artesanía na Escola é un programa concibido para achegar os oficios artesanais e os valores da artesanía a colexios de toda Galicia. Os obxectivos son divulgar os oficios como patrimonio cultural e sector económico, poñer en valor o produto feito á man e os profesionais da artesanía como creadores e transmisores de coñecementos e difundir os vellos saberes amosando os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea. Tamén se busca transmitir os valores da artesanía vencellados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular e —a longo prazo— atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.
O proxecto iniciouse coa unidade didáctica Eu son zoqueira, dedicada ao oficio dos zoqueiros a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces). A segunda das unidades didácticas, Eu son artesán de percusión tradicional, está protagonizada por Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) e centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.















