Celanova: Acordo sobre a iniciativa do BNG informar ás veciñas sobre o proxecto de polígono eólico

• O BNG considera que o alcalde asumiu o mandato falanxista de “perpetuar o legado” expresado pola Bandera de Marruecos en 1939 antes de abandonar a vila deixando tras si varios mortos.

• O BNG consegue sacar adiante propostas para o coidado do río Arnoia, a retirada de paneis de obras.

AVANTAR ACTIVIDADES

• O goberno municipal presenta, trece meses despois de comezada a crise, a primeira liña de axudas na que inviste menos dun terzo do remanente e incorre en gasto superfluo en novas máquinas de limpeza.

O BNG de Celanova informa sobre os acordos e debates plenarios na sesión ordinaria que se celebrou este mércores, 7 de abril.

POUCOS CARTOS QUE, UN ANO DESPOIS, AÍNDA NON SE SABE CANDO HAN CHEGAR

O alcalde presentou por fin o gasto do “remanente” e afirmou que é o “maior esforzo” entre os concellos con similar “capacidade orzamentaria” á que ten Celanova. O portavoz de Celanova Decide, Javier Pulido, tardou menos dun minuto en xustificar a medida: “Está todo perfectamente explicado no documento”. A portavoz do PSOE, como acostuma nas iniciativas do goberno local do que fai parte, non dixo nada. Basicamente o gasto divídese en dúas liñas: axudas e incentivos o comercio e investimentos. Trece meses despois de iniciada a crise económica co obrigado confinamento a causa da pandemia, o goberno municipal presenta as súas primeiras axudas directas o tecido empresarial local. Concellos como Allariz, Barbadás, O Carballiño, Xinzo ou Verín, principais cabeceiras de comarca do occidente ourensán empezaron a repartir cartos entre os seus veciños durante o segundo e o terceiro semestre de 2020. Mais Celanova parece que non“xoga” nesa “liga”… O goberno municipal pretende que a veciñanza asuma que Celanova é un concello de “cuarta división”, que non ten capacidade de gasto nin capacidade para implementar outras políticas que non sexan ás que veñen dadas pola Deputación (PP) ou pola Xunta (PP). O goberno municipal xustifica así a súa incapacidade para xerar recursos e pensar políticas. O goberno municipal tardou 13 meses en saber cal era o remanente. Son algo máis de 2 millóns de euros. E destinará menos dun terzo (uns 560.000 euros), e non toda esa cantidade (299.000 euros) ás axudas e incentivos. O alcalde non foi quen de explicar, a preguntas do concelleiro do BNG, Leopoldo Rodríguez, por que só se dedica esa cantidade e non máis? E cando chegarán eses cartos á veciñanza? Leopoldo Rodríguez lembroulle o goberno municipal que, entre maio de 2020 e xaneiro de 2021, o BNG levou a pleno 15 iniciativas concretas de re-activación da economía local. Todas foron aprobadas. Ningunha se levou á práctica.

INVESTIMENTO SUPERFLUO

O alcalde e o PSOE destinan practicamente a mesma cantidade á compra de maquinaria (dúas partidas por un total de 173.900 euros) que ás axudas ás empresas (182.700 euros). Dado que a maquinaria parece que será destinada a servizos que presta a Mancomunidade, e que o último investimento do anterior goberno do PP foi unha máquina de limpeza urbana (máis de 70.000 euros), o concelleiro do BNG preguntou o alcalde pola necesidade deste investimento. Non contestou. Tampouco contestou á pregunta de se se van reducir os servizos contratados á Mancomunidade (e, polo tanto, a asignación que se o Concello achega ese organismo controlado polo PP e eixo do reparto de prebendas). O BNG considera superfluo este gasto e estudará a posibilidade de presentar emenda o expediente para que esas compras non se materialicen e o gasto se destine a incrementar a partida de axudas directas ás empresas e autónomos.

POLÍTICAS DO PP

A falta de políticas propias (e criterio propio), o alcalde e os seus socios do PSOE no goberno, apoian ás políticas que impulsa o PP desde a Xunta. Así pasou cun documento asinado polo anterior goberno local do PP co último goberno estatal do PP no 2018 no que baixo o paraugas de política de vivenda concédense subvencións a propietarios. O BNG abstívose neste punto para non obstaculizar un investimento por mínimo que sexa que poida animar a construción (axudas á rehabilitación e eficiencia electrónica). Tamén se abstivo o concelleiro nacionalista na iniciativa para solicitar a inclusión de Vilanova no programa de aldeas-modelo da Xunta. “Chamémoslle aldeasescaparate, porque é o que son”, advertiu Leopoldo Rodríguez, “detrás está o interese daXunta en mobilizar terras a favor do sector forestal”. O portavoz nacionalista preguntou se Vilanova reúne as condicións para participar dese programa, segundo as características que deben reunir as aldeas propostas, e mesmo se o ordenamento urbanístico do núcleo e a súa contorna posibilitan o tipo de actuacións que se propoñen. Nin o alcalde, que apoiou a medida con súbito entusiasmo, nin o portavoz do PP foron quen de aclarar estes aspectos.

RESCATE DO ARNOIA

O pleno aprobou a moción do BNG instando ao goberno municipal “a que impulse un plan de actuación sobre a ribeira do Arnoia en colaboración cos concellos ribeiraos e coa Mancomunidade coa finalidade de rexenerar o principal curso fluvial da comarca, e protexer unha área de alto valor ecolóxico e patrimonial e con evidentes potencialidades turísticas”. O texto tamén subliña a necesidade dunha intervención da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que xa se está a realizar, así como a oportunidade de demandar da Xunta de Galiza a inclusión do río Arnoia entre os cursos fluviais aos que se destinan parte dos fondos europeos orzamentados para a recuperación de espazos naturais.

A PAISAXE SEGUNDO O PP

Tamén o PP define a consideración pola paisaxe urbana e na contorna urbana que ten o goberno municipal de CD+PSOE. Foi o PP quen chantou dous carteis de obra que o BNG pediu retirar en setembro, volveuno pedir en novembro (daquela o alcalde dixo que só faltaba o camión) e volveuno pedir este mércores agora apelando ás Directrices da Paisaxe. O PP dixo que hai carteis que non se retiran porque no contrato de obra acordouse mantelos certo tempo. E o alcalde, ao que en novembro só lle faltaba o camión, dixo que hai carteis que non se retiran porque no contrato de obra acordouse mantelos certo tempo. Non especificou cales. Nin canto tempo (máis) deben permanecer os que deban permanecer. Como o alcalde parou aí na defensa dos carteis do PP (un no parque, outro na rúa do Areal), o portavoz do PP dixo que, por el, ese cartel no parque infantil “non se retiraba”, que lle parece que queda ben… E o alcalde non dixo nada. O portavoz do PP non parou aí e despois expresou os seus gustos (suponse que coinciden cos do seu partido) en materia paisaxística. E dixo que a eles tampouco lles molesta que os aeroxeneradores do polígono eólico proxectado na Casa da Neve -que se mantiña en secretísimas e exclusivas xestións até que no pleno do 27 de xaneiro o BNG deu a voz de alarma- se poidan ver desde case calquera punto da vila e desde moitos dos elementos BIC que fan de Celanova un conxunto histórico e monumental. “Non creo que vaia afectar moito o turismo”, considerou Xosé Luis Ferro, ex alcalde, cun balance igual a cero en materia de turismo nos seus anos de mandato. Finalmente, acordouse por unanimidade aprobar a moción do BNG para que se retiren ospaneis de obras (os que se poidan retirar). O BNG estará atento a cales e cando.

CAL É A POSTURA DO GOBERNO LOCAL A RESPECTO DO PROXECTO EÓLICO?

Tamén por unanimidade se acordou unha moción do BNG con este contido: 1) instar ao Goberno Municipal a informar á veciñanza dos detalles do plan da empresa, en especial, o que atinxe ás afectacións ambientais, patrimoniais e paisaxísticas da instalación industrial e do marco temporal do proxecto que compromete ás xeracións futuras; así como das actuacións que como goberno ten previsto emprender para garantir a sustentabilidade ambiental, patrimonial e paisaxística da contorna. E 2) instar ao Goberno Municipal a que, nese labor de información, convoque aos actores implicados, directa e indirectamente no proxecto, a charlas informativas abertas á cidadanía. O asunto do proxecto eólico xerou máis debate na seguinte moción do BNG, que pedía que o departamento de Patrimonio da Xunta fixese unha prospección arqueolóxica da área sobre a que a empresa proxecta o polígono. O PSOE, o grupo do alcalde, Celanova Decide, e o PP negáronse. O argumento dos tres foi o mesmo: din que non queren gastar cartos de Celanova, porque Patrimonio esixiría que fose o Concello quen sufragase os custes dun estudo “que lle corresponde facer á empresa”. “Non é conveniente que o Concello pague por un traballo que debe realizar a empresa”, dixo o portavoz de Celanova Decide. “Non debe ser a costa dos veciños”, dixo a portavoz socialista. “É un traballo que xa levou a cabo a empresa”, dixo o popular. E iso sostivérono os tres grupos despois de que o alcalde publicitase un informe arqueolóxico feito polo arqueólogo municipal que “dá resultados moi parecidos” o que revela a empresa no seu documento inicial. É dicir, a empresa sostén -como non podía ser doutra forma- que non hai ningún impedimento ao seu proxecto. A día de hoxe non fica claro se o goberno de Celanova se opón o proxecto eólico nin con que contundencia nin con que argumentos. O BNG solicitará as alegacións que o Concello non fixo públicas. Mentres, o portavoz nacionalista aconsella manter a atención sobre o asunto. “O proxecto presentado pola empresa, de capital alemá, non podería realizarse en Alemaña, cando menos no Estado Libre de Baviera, sede da empresa. A lexislación daquel estado impide situar aeroxeneradores destas dimensións a menos de un quilómetro das poboacións. As autoridades galegas e locais farían ben en preguntarse as razóns desta prohibición alemá”, explicou Leopoldo Rodríguez. A moción do BNG para que se realice unha prospección en condicións na área da Casa da Neve co aval de Patrimonio tal e como suxeriron fontes autorizadas nas últimas semanas foi rexeitada cos votos en contra do PP (6), CD (4) e PSOE (2)

O ALCALDE ASUME O MANDATO FALANXISTA: “PERPETUADE O LEGADO”

O BNG levou o pleno a moción rexistrada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova na que se reclamaba a eliminación do símbolo falanxista do Outeiro da Obra, a realización dun catálogo municipal de vestixios de exaltación do franquismo e a petición dunha declaración institucional da honorabilidade da última corporación republicana represaliada en 1936. As dúas primeiras demandas están dentro do marco normativo da Ley de Memoria Histórica de 2007. O Comité presentou nas semanas previas o pleno a todos os grupos un informe que documenta o carácter de elemento de exaltación do franquismo. Mais só o BNG asumiu a demanda, tendo en conta ademais que entre os acordos asinados entre as nacionalistas e CD en xuño de 2019 para garantir a investidura de Antonio Puga figuraba a retirada do monumento ao abeiro da lei. A moción presentouse por razón de urxencia. O alcalde cortou a intervención do portavoz nacionalista na xustificación da urxencia. O PP e Celanova Decide votaron en contra de que se debatese a moción. O PSOE, que malia que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, se mostrou favorábel á iniciativa non fixo un só xesto de asumir como propia a demanda, votou co BNG. Mais as contas xa estaban votadas. O pleno de Celanova negouse 81 anos, 7 meses e 30 días despois de que unha unidade militar falanxista chantara o monumento deixando o mandato de “perpetuar o legado” a debater a aplicación dunha lei que permitiría a retirada do símbolo. O alcalde asume aquel mandato falanxista de “perpetuar o legado”.

A RESIDENCIA: O ALCALDE NON LEMBRA

Case dous anos despois de acceder o cargo, dous meses despois de dicir no pleno que el non ía facer “nin máis nin menos” que os seus predecesores, o alcalde asegurou que xa formalizou a súa incorporación como membro nato do Padroado que rexe a Residencia San Carlos de Celanova, cargo que lle corresponde á Alcaldía desde principios do século pasado. O BNG confía en que coa asunción da súa responsabilidade na Residencia -o centro que sufriu o principal impacto da pandemia durante o 2020 e que continúa padecendo os efectos daquela crise sanitaria- o Concello poida coñecer a situación real do centro e retomar as accións públicas para botar unha man desde as institucións públicas facendo valer o acordo de setembro de 2020.

PRESENZA DE LEOPOLDO LÓPEZ: O ALCALDE NON DÁ EXPLICACIÓN

A pregunta do BNG dos motivos polos que o alcalde de Celanova participou nun acto deLeopoldo López, prófugo da xustiza venezuelana sinalado por participar en dous golpes de Estado naquel país e que improvisou un mitin nun café de Celanova despois de ser sorprendido e multado días antes en Cambados por estar a incumprir as restricións de mobilidade (é residente en Madrid), Antonio Puga dixo que foi convidado “pola comunidade venezuelana de Celanova” e dixo “non teño que dar máis explicacións a ninguén”. O alcalde, que estivo acompañado nese acto pola concelleira do PSOE, Teresa Barge, considera que non debe dar explicacións a respecto dunha persoa pública que estaba a incumprir as restricións de mobilidade durante a semana santa, que convocou un acto público en Celanova e que ademais foi condenado pola xustiza do seu país da que escapou durante o último intento golpista.

TÉCNICO MUNICIPAL DE CULTURA REALIZA “CONTRA-INFORME” SOBRE A MEMORIA

O BNG tamén preguntou por un informe que o alcalde encargou o técnico municipal de Cultura, Antonio Piñeiro, a respecto do símbolo fascista do Outeiro da Obra. Ese informe, ao contrario co do Comité, non se fixo aínda público. O alcalde non ofreceu máis detalles do contido dese documento malia que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova entregou o seu informe a principios de marzo ao propio alcalde, antes que a ningún outro representante público e antes de rexistrar a iniciativa en demanda da aplicación da lei. Mais parece que en ningún momento o alcalde considerou facer chegar o informe que encargou o Comité en xusta correspondencia. No pleno, coa negativa o debate da eliminación do símbolo fascista, e na posterior comparecencia, convidado polo goberno local (CD+PSOE), dun representante dunha asociación ultradereitista e negacionista, ficou claro cal é o talante de Antonio Puga a respecto das demandas de verdade, xustiza e reparación das vítimas da barbarie franquista. O informe do Comité (no capítulo 3, apartado 3) explica: “O seguinte acto que se celebra en torno ao monumento foi a despedida da Bandera no mes de setembro de 1939. Das palabras pronunciadas polo seu comandante (Fernández Cuesta?) enténdese que a cruz foi un legado da Bandera de Marruecos en recordo dos seus mortos: “A las once y media estaba señalada la celebración de una misa que ante la cruz de los Caídos, erigida en un montículo que domina la villa había de ser aplicada por todos los camaradas de la Bandera de Marruecos que durante los tres años de campaña regaron con su sangre la tierra española. El señor comandante con su alocución dijo: ‘Señor alcalde, yo espero que sabreis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos’. En este momento el presbítero don Rafael Pato, después de breves y sentidas palabras de despedida a la Bandera, entona un responso por los muertos mientras el comandante visiblemente emocionado deposita a los pies de la cruz una monumental corona de flores recuerdo de la Falange Femenina de Celanova” (La Región, 30 de setembro de 1939, p. 2).