As películas “Honeymoon” e “Amigos hasta la muerte”, patrocinadas pola Deputación, participan na sección oficial fóra de concurso do Festival de Cine de Málaga

Manuel Baltar valora a participación dos filmes de Enrique Otero e Javier Veiga no “gran festival do cinema español”, que arranca mañá, como “un fito máis dentro da estratexia implementada polo goberno provincial para facer de Ourense un gran plató de cine, apostando fortemente pola industria audiovisual como un axente dinamizador da nosa provincia”

Ademais, este sábado, 11 de marzo, Ourense acollerá os Mestre Mateo dentro da colaboración entre a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual e coa película “O corpo aberto”, tamén patrocinada polo goberno provincial ourensán, como gran favorita

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 9 de marzo 2023.- As películas “Honeymoon” e “Amigos hasta la muerte”, patrocinadas pola Deputación de Ourense, participarán na sección oficial fóra de concurso do Festival de Cine de Málaga 2023, que se celebra na cidade andaluza dende mañá ata o vindeiro 19 de marzo.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, valora a participación dos filmes de Enrique Otero e Javier Veiga no “gran festival do cinema español” coma “un fito máis dentro da estratexia implementada polo goberno provincial para facer de Ourense un gran plató de cine, apostando fortemente pola industria audiovisual como un axente dinamizador da nosa provincia”. 

“Unha estratexia”, destaca Manuel Baltar, “que xa se ten visto reflectida na creación do Ourense Film Commission, o rescate do Festival de Cine Internacional de Ourense ou a alianza coa Academia Galega do Audiovisual, que precisamente celebrará a XXI edición dos Premios Mestre Mateo este sábado 11 de marzo en Ourense e na que serán protagonistas varios filmes patrocinados pola Deputación”. 

O ano 2022 constitúe un fito nesta estratexia provincial polo audiovisual, realizándose a gravación dunha decena de filmes e series como “O home e o can”, “La manzana de oro”, “13 exorcismos”, “Motel Valkirias”, “El tirabeque”, e as propias “Honeymoon” e “Amigos hasta la muerte”.

Esta estratexia de captación de rodaxes, remarca Manuel Baltar, é unha “potente ventá de oportunidade para a promoción e dinamización do territorio ourensán”. Un dos froitos desta estratexia ten sido a creación da Ourense Film Commission, un órgano de impulso á industria audiovisual que ten por obxectivo apoiar e coordinar ás producións galegas, nacionais e internacionais na loxística necesaria para desenvolver o seu traballo na provincia, promovendo a difusión do territorio e colocando a Ourense como un destino idóneo para as rodaxes audiovisuais. 

“Amigos hasta la muerte” será estreada o 28 de marzo no Teatro Principal de Ourense

“Honeymoon” é unha longametraxe dirixida polo coruñés Enrique Otero e protagonizada por Javier Gutiérrez e Nathalie Poza, contando tamén cunha ampla representación galega no reparto con actores como Antonio Durán “Morris”, María Tasende ou María Vázquez.O filme, que desenvolve un thriller dramático con forte presenza de humor negro, foi producido por ControlZ e AccaMedia, ademais de contar co apoio da Deputación de Ourense, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), a TVG  e a Valladolid Film Commission.

Por outra banda, “Amigos hasta la muerte” é unha comedia romántica dirixida polo pontevedrés Javier Veiga, supoñendo a súa estrea como director de longametraxes. O propio Veiga participa como protagonista do filme, sendo acompañado por actores como Marta Hazas, Mauricio Ochmann, Xosé A. Touriñán, David Amor ou os ourensáns Ledicia Sola e Nacho Nugo. 

Esta película está baseada na obra de teatro homónimo escrita e dirixida polo propio Javier Veiga, e que colleitou un grande éxito sendo a nivel nacional e internacional con adaptacións a diferentes linguas. Este filme, producido por Medio Limón, Sygnatia, Onírica Films e Ainé, será estreada o vindeiro 28 de marzo no Teatro Principal de Ourense. 

As películas patrocinadas pola Deputación de Ourense suman 26 nominacións na XXI edición dos premios Mestre Mateo

O cinema gravado en Ourense co apoio da Deputación suma 26 nominacións aos XXI Premios Mestre Mateo, que se entregarán este sábado 11 de marzo no Auditorio municipal de Ourense dentro da alianza entre o goberno provincial e a Academia Galega do Audiovisual.

“O corpo aberto” é a película máis seleccionada nesta edición polos académicos (16 candidaturas), nunha lista de películas nominadas co apoio do goberno provincial completada por “O home e o can” (4), “Live is life” (4) e “Valentina” (2). Dentro da ampla presenza de filmes con selo ourensán entre os candidatos destaca a categoría de mellor película, onde tres das catro películas contan co patrocinio do goberno provincial e foron gravadas na provincia: “O corpo aberto”, “O home e o can” e  “Live is life”. As tres longametraxes -que compiten nesta categoría dos Mestre Mateo xunto a “Código emperador”- foron estreadas no Festival de Cine de Ourense.