O BNG proporá no pleno de febreiro a posta en marcha dun plan de loita contra a discriminación social e o reequilibrio territorial no Concello de Ourense

Os nacionalistas pretenden evitar a proliferación de barrios marxinais e degradados así como que o Concello se divida en cidadáns de primeira e de segunda

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, ven de rexitrar para ser debatida no pleno ordinario de Concello de Ouense do vindeiro mes de febreiro, unha moción relativa á loita contra a discriminación social e a proliferación de barrios marxinais no concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Que ninguén quede atrás” debe ser a máxima que presida toda acción política, especialmente en contextos de crise como o que estamos a padecer. Segundo os nacionalistas, para evitar tal situación, cómpre coñecer polo miudo a ideosincrasia de cada barrio, coñecer a súa morfoloxía, o perfil das súas veciñas e veciños a nivel económico, social e mesmo demográfico. Saber o ámbito profesional predominate, a franxa de idade maioritaria e mesmo a evolución do propio barrio nos últimos anos.

As diferenzas en canto ao nivel de renda no Concello de Ourense son considerábeis. Así, pasamos por exemplo dos 20.018 € de renda anual na zona de Paz Nóvoa, Rúa do Paseo e Xoan XXIII ou os 18.500 € na zona da Avda da Habana, aos apenas 6.993 € no barrio de Covadonga ou os 8.974 € no barrio do Vinteún por exemplo.

Estamos diante de diferenzas próximas aos 13.000 € anuais. Evidentemente o concello ten escasa por non dicir nula capacidade para poder revertir esta cuestión pero si en favorecer que as diferenzas de renda existentes non se convirtan en diferenzas sociais, culturais, ou mesmo no que a calidade de vida e acceso aos servizos públicos se refire.

Para o BNG é importante analizar as carencias existentes en materia de infraestruturas e equipamentos. Falamos de carencias sanitarias, de espazos culturais, deportivos e de infraestruturas, do estado das zonas verdes e dos espazos de esparcemento así como do estado das rúas no que a mantemento se refire.

Con todos eses datos, pódense extraer as conclusións precisas que permitan a partires das mesmas, artellar medidas e plans de actuación que contribúan a mellorar os barrios, e a poñen en práctica proxectos de integración social, de dinamización e de axuda a colectivos que nestes momentos se sinten totalmente abandonados polas administracións.

 Faise necesario tamén traballar para erradicar os asentamentos chabolistas existentes aínda a día de hoxe en varias zonas do concello como poden ser Zaín, o Vinteún ou Mariñamansa. Asentamentos onde as condicións hixienico-sanitarias son moi precarias, onde non hai saneamento, alumeado nin seguridade, e onde familias enteiras malviven nunhas condicións pésimas.

O concello debe actuar para tentar ofrecer alternativas habitacionais, debe traballar para a integración social, laboral e educativa das familias que viven nestas zonas pois son veciñas e veciños deste concello e merecen que a administración se preocupe por eles.

O Concello debe, como administración máis próxima ao cidadán, traballar arreo por evitar a existencia de barrios marxinais ou altamente degradados. Debe apostar pola integración social de todas e cada unha das veciñas e veciños do concello ou cando menos tentalo. Debe, en consecuencia, levar á práctica e mesmo o extremo a máxima de “que ninguén quede atrás”.

Indicen a concelleira e concelleiro do BNG no feito de que contamos cunha administración local saneada e con recursos, é preciso poñelos ao servizo da veciñanza e sobre todo, daquela que máis o precisa. Para que o concello avance e recupere o pulso a tódolos niveis é preciso contar cunha sociedade cohesionada e onde as diferenzas socias, que sempre existirán, queden reducidas á mínima expresión.

É responsabilidade de todos construir un concello integrador, solidario, cohesionado e onde vivir nun barrio ou noutro non se convirta nun estigma social. Por todos estes motivos, desde o grupo Municipal do BNG proporán ao pleno da corporación a adoción dos seguintes acordos:

1. Instar ao Goberno local á elaboración dun plan de choque municipal para loitar contra a discriminación social e a proliferación de barrios marxinais no Concello de Ourense.

2. Instar ao Goberno local á elaboración dun informe de necesidades dotacionais e do estado de conservación de cada un dos barrios da cidade (estado das calzadas, beirarrúas, mobiliario urbano, redes de abastecemento e saneamento, alumeado e zonas verdes).

3. Instar ao Concello de Ourense a que en colaboración coa Xunta de Galiza, elabore un plan de integración social e para a erradicación do chabolismo no termo municipal do Concello de Ourense.