Os colectivos sociais e os centros de ensino do Carballiño protagonizaron o acto institucional en contra da violencia de xénero

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O salón de plenos da Casa do Concello do Carballiño acolleu ao mediodía de hoxe o acto organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) da Concellería de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e foi precisamente a propia concelleira responsable deste departamento, Silvia Baranda, quen deu lectura ao manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) sobre o 25-N. Representantes dos grupos políticos da Corporación e da Garda Civil acudiron a este acto, no que tamén estiveron presentes a viúva e o irmán de Manuel Cendón, mestre canteiro xa falecido, do cal leu un poema Celia Salceda, directora do Conservatorio de Música Municipal.

Coa amenización musical do dúo integrado por María e Lorena e co fío conductor dunha historia contada por Chus Ogando como presentadora, fóronse sucedendo as aportacións das asociacións Aspadisi e Asdifica e da agrupación local de Cruz Vermella. Con alternancia de vídeos enviados dende o servizo de Bó Día Familia e o colexio Sagrado Corazón, os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar as propostas solidarias do alumnado dos colexios Vila do Arenteiro e Calvo Sotelo, ademais dos IES Chamoso Lamas e Nº1, rematando o acto coa proxección da reportaxe audiovisual elaborada por Badal Novas para o CIM do Concello carballiñés.