Os centros educativos retoman as actividades do Día das Letras Galegas que foran aprazadas

O 1 de outubro, levouse a cabo o reparto de 200 exemplares da obra de teatro 4 pezas (A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre e Auto do prisioneiro) de Don Ricardo Carballo Calero, autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020.

Publicidade

Este xoves, desenvolverase un obradoiro no CEIP Calvo Sotelo para o alumnado de 5º de Primaria, sesión na que compartirán unha serie de xogos sobre o rico patrimonio lúdico galego.

O luns, 26 de outubro,  terá lugar o obradoiro Ernestina Otero, “Semente de igualdade, semente de liberdade”, que mestura a arte de contar contos coa arte de ilustralos e pintalos.

O martes, 27 de outubro, haberá outro obradoiro de taboleiros medievais no CPR Vila do Arenteiro,  no que descubrirán como se entretiñan os nenos na Idade Media, e como esa pegada quedou plasmada no legado artístico da comarca.

Ademais, repartiranse 3.000 marcapáxinas entre escolares e veciños, que se poderán recoller no Servizo de Normalización Lingüística do concello.