Unha Praza Maior de Ourense ateigada acolleu esta noite as actuacións dos grupos participantes na XXXVII edición das Xornadas de Folclore, organizada pola Deputación de Ourense e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo co apoio da Xunta de Galicia.
A cita comezou cun desfile polo centro da cidade aberto pola formación de Costa de Marfil, que cos seus bailes e danzas animou ao resto de participantes. Aos africanos seguíronnos México, Colombia, Indonesia e Chile, dentro dun desfile que partiu do parque de San Lázaro ás 22,30 horas, tendo como punto e final á Praza Maior.
Cada agrupación realizou un pase para os centenares de asistentes -ocupáronse todos os asentos da Praza Maior-, nunha actuación que combinou elementos de todas as tradicións folclóricas dos seus respectivos países. En global, un evento de aproximadamente 1 hora e 45 minutos, no que os ourensáns puideron afondar na cultura dos países participantes, na liña desenrolada previamente en Bande, A Rúa, Celanova, O Carballiño, Allariz, Maceda, Castro Caldelas, Viana do Bolo, Entrimo A Pobra de Trives, Xinzo, O Barco de Valdeorras e Verín.
Os grupos participantes volverán a reunirse mañá, mércores 17 de agosto, en Ribadavia para poñer no auditorio do Castelo punto e final á XXXVII edición das Xornadas de Folclore.