De carácter bienal, Funergal, Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, regresa ao calendario de Expourense para celebrar a súa 13ª edición entre o 21 e o 23 de maio. Será a única feira internacional do sector funerario celebrada na Península Ibérica este ano e tamén o único punto de encontro profesional que alén de presentación de novidades e capital relacional, ofrece compra e venda de produtos e servizos funerarios, é dicir, negocio.
A 13ª edición de Funergal foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a directora territorial da Consellería de Economía e Industria, Alicia López; o presidente da Asociación Provincial de Empresas Funerarias de Ourense (APEFO), Rubén Campo (que acudiu acompañado por outros membros da directiva da asociación); e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Funergal 2026 conta coa participación de 44 expositores procedentes dun total de 10 países (Arxentina, Chile, O Salvador, Ecuador, España, Italia, México, Países Baixos, Perú e Portugal). Alén de recibir visitantes profesionais destes 10 países que contan tamén con representación na área expositiva, a esta cifra hai que engadir a dos profesionais que xa confirmaron a súa presenza á feira e que virán a Ourense desde unha decena de países a maiores. Cabe destacar a afluencia de visitantes profesionais de Portugal, ao redor do 35% dos acreditados ata o momento.
Entre os expositores de Funergal 2026 destacan empresas punteiras e asociacións de profesionais do sector que presentarán as últimas novidades e tendencias en produtos e servizos funerarios. O obxectivo fundamental de Funergal é o fomento do negocio, a competitividade e a actualización neste ámbito, ao mesmo tempo que presenta unha ampla oferta de novidades, adaptadas ás necesidades dos distintos visitantes profesionais funerarios (tanto representantes de grandes empresas como outras de carácter familiar), que se achegarán, en maior número, desde distintos puntos da Península Ibérica.
A lista de expositores de Funergal 2026 cobre toda a cadea de produtos e servizos funerarios necesarios podendo atoparse a importantes fabricantes de cadaleitos da Península; fabricantes de fornos crematorios, urnas, lápidas, arranxos florais, xoiería, accesorios e complementos para poñer o marcha un funeral; xestión integral de servizos funerarios; equipamento e material químico e de embalsamamiento; uniformes; formación especializada en tanatopraxia; seguros dirixidos a empresas funerarias; consultoría; software especializado; as principais carroceras de vehículos funerarios españolas; asociacións nacionais que representan a distintas ramas profesionais (empresas funerarias, profesionais funerario, xestores de cemiterios,…); medios de comunicación especializados no sector, etc.
Programa de actividades
Funergal 2026 acollerá a presentación dos produtos e servizos innovadores dos expositores desta edición. Unha das novidades desta edición será o Taller de Arte Floral Funerario impartido por Rita Soto, florista do Carballiño. Terá lugar o xoves 21 de maio ao 12,00 horas e presentará as últimas tendencias en deseño floral. Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a todo o Mundo, non soamente ao profesional funerario. A feira contará ademais coa exposición “Cinenterios” promovida pola Asociación de Funerarias e cemiterios Municipais AFCM-Cemiterios Vivos e que recolle unha mirada cinematográfica que permite descubrir o patrimonio cultural que encerran os cemiterios, proxectando unha visión contemporánea destes espazos da memoria. Tamén estará exposto unha carruaxe fúnebre dacabalo cedido polo Grupo A Libélula de Valladolid.
A Fundación “Honra a quen Honra Merece” de México, presente na feira, entregará os seus galardóns que recoñecen a achega ao sector funerario internacional tanto de empresas como de profesionais. Esta entrega terá lugar o venres 22 de maio ao 17,30 h. Funergal é tamén un gran punto de encontro para a familia funeraria e por iso organizou un programa social que inclúe unha cea de gala, que conta co apoio de Interfunerarias, para que poidan desfrutar da excelente enogastronomía da provincia de Ourense. Dentro deste programa non faltará o tradicional “polbo á feira” ofrecido por APEFO que exercerán unha vez máis de anfitrións e que é sempre un dos momentos de convivencia máis entrañables desta cita e que este ano servirá de broche final á 13ª edición.
Trátase, ademais, da terceira edición de Funergal con Alta Velocidade. Ourense está agora a 2 horas e 15 minutos de Madrid en alta velocidade unha cidade conectada con voo directo con 66 países. Isto facilitará a participación de expositores e, sobre todo, visitantes nacionais e internacionais. Aqueles que decidan acudir en tren poderán beneficiarse do 10% desconto grazas ao convenio con RENFE.
O horario de apertura de Funergal será o 21 e 22 de maio de 10,00 a 18,00 horas, e, o sábado 23, de 10,00 a 14,30 horas. A información sobre a feira pode atoparse na súa páxina web www.funergal.com ou a través dos seus perfís en Facebook e Instagram.
Esta 13ª edición está patrocinada pola Deputación Provincial de Ourense e tamén co patrocinio e colaboración dos grandes grupos empresariais de prestación de servizos funerarios do país como son Interfunerarias ou o Grupo Albia.
















