Zona Franca de Vigo anima aos empresarios do Carballiño a presentar os seus proxectos ao Consorcio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os empresarios do Carballiño coñeceron hoxe de primeira man as posibilidades que ofrece o Consorcio da Zona Franca de Vigo para as súas empresas, en apoio á identificación de solo empresarial, proxectos, financiamento ou programas de aceleración e internacionalización. O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, mantivo un encontro con empresarios do municipio, na casa consistorial do Carballiño, acompañado polo alcalde, Francisco Fumega.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

David Regades destacou que “os instrumentos da Zona Franca están ao servizo das empresas para crear emprego” ademais de subliñar que “esta reunión é un exemplo de que nos poden solicitar este tipo de reunións para coñecer que ferramentas ten o Consorcio. Ferramentas que van dende a identificación de solo empresarial, o apoio ao capital risco, coa empresa Vigo Activo, ata os programas de aceleración de proxectos empresariais e internacionalización”, destacou.

O alcalde, Francisco Fumega, asegurou que “é unha iniciativa que permite reforzar o tecido empresarial do concello e consolidar as posibilidades de potencialo e amplialo, a través de mecanismos que xa están a dar os seus froitos noutros concellos galegos”.

No Carballiño reuníronse representantes de empresas de distintos sectores do municipio, que se interesaron especialmente polas ferramentas de financiamento do Consorcio, o acceso ao apoio á internacionalización ou as características do solo libre.

Ademais do alcalde, tamén acudiron outros membros do goberno municipal, como o concelleiro de promoción económica e técnicos deste departamento.

Previamente, David Regades mantivo unha reunión co goberno local na que coñeceu os seus plans de ampliación de solo empresarial e acordouse adiantar un convenio para que a Zona Franca poida prestar apoio técnico ao Concello de Ourense.

Na actualidade, o solo empresarial do concello está practicamente esgotado, á espera da posta en marcha dunha nova fase de ampliación do parque empresarial existente, incluído nas novas áreas empresariais de Galicia e cunha superficie de 1.500.000 metros cadrados. que se estenderá polos concellos do Carballiño e Maside

A Zona Franca de Vigo é unha institución pública dependente do Goberno de España, que desde 1947 traballa para promover o comercio internacional e o desenvolvemento económico. Xestiona unha zona franca con todas as vantaxes para a Importación/Exportación, é o principal promotor de infraestruturas empresariais, fomenta a innovación e o emprendemento e xestiona un volume de activos de 520 millóns de euros. Os seus seis parques empresariais (Balaídos, Bouzas e PTL en Vigo, A Granxa en Porriño, Porto do Molle en Nigrán e Plisan en Salvaterra-As Neves) teñen 8 millóns de metros cadrados. Son 705 as empresas que dan emprego a máis de 20.000 persoas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------