Aberto o prazo para participar na XLII edición do Premio Blanco-Amor

Poderán participar no certame autores de calquera nacionalidade que presenten unha ou varias obras orixinais, inéditas e escritas en lingua galega segundo a normativa oficial

O premio, cuxa data límite de presentación é o 24 de xullo, estará dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica orixinal de Acisclo Manzano

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 13 de marzo de 2023.- O Boletín Oficial da Provincia publicou, o pasado 4 de marzo, as bases reguladoras do XLII Premio Blanco-Amor que organiza anualmente a Deputación de Ourense coa colaboración da Fundación Eduardo Blanco-Amor, e que ten como obxectivo a difusión da literatura en Galicia e o mantemento da figura do autor de “A Esmorga”. 

Deste xeito, o prazo de participación do certame fica oficialmente aberto, tendo como data de remate o 24 de xullo de 2023. Durante este período, os autores participantes, de calquera nacionalidade, poderán presentar unha ou varias novelas orixinais escritas en lingua galega segundo a normativa oficial vixente. Ademais, as obras deberán ser inéditas, non sendo galardoadas noutros certames nin estando publicadas ou rexistradas.

En canto á presentación da obra, esta irá acompañada dun sobre pechado coa correspondente plica, podendo presentala no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense ou por correo postal ao seguinte enderezo: “XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor”. Deputación de Ourense (rúa do Progreso, 32. 32003 – Ourense). No interior do sobre incluirase: un único exemplar en papel, só baixo lema, sen ningún outro texto identificativo, correctamente paxinado e con dobre entreliñado, acompañado dun dispositivo de memoria USB, cun único arquivo en formato PDF. Ademais, a plica presentarase nun sobre pechado no que figurará, rotulado por fóra, o lema, e no seu interior: nome e apelidos e unha fotocopia do DNI, datos de contacto -número de teléfono, correo electrónico e enderezo postal-, e título da obra.

O xurado do certame será escollido pola Fundación Blanco-Amor, e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. O premio estará dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica orixinal de Acisclo Manzano. Non obstante, o certame poderá ser declarado deserto de non haber, segundo o xurado, obras de calidade adecuada.  

O acto de entrega do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor terá lugar o día 1 de decembro de 2023, data do 44º cabodano do falecemento do senlleiro autor ourensán. Por outra banda, a aceptación do premio obriga á publicación da novela gañadora nun prazo máximo de 4 meses, estando a cargo da editorial que desexe o autor.  

As bases completas poden consultar no Boletín Oficial da Provincia, a través da web da Deputación de Ourense: www.depourense.gal