O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén supervisa o remate das obras de reforzo da seguridade viaria da travesía do concello de Bande

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Acompañado do presidente da Deputación Provincial de Ourense e da alcaldesa

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • GABRIEL ALÉN SALIENTOU ESTA ACTUACIÓN COMO UN EXEMPLO DO TRABALLO QUE FAN AS ADMINISTRACIÓNS que apostan polo rural galego
  • O delegado territorial explicou que esta obra é froito dun convenio de colaboración entre as tres administracións para investir máis de 720.000 euros na mellora da seguridade viaria da estrada OU-540, que coincide coa travesía de Bande, de titularidade municipal
  • O obxectivo da actuación foi adaptar as condicións da estrada á súa funcionalidade real, xa que a pesar do seu uso urbano, a vía conta cunha sección moi ancha e cunha falta de definición de entrada á zona urbana de Bande
  • Segundo salientou Gabriel Alén, a actuación realizada dota aos veciños de Bande de novas beirarrúas e de máis servizos, logrando que este treito da vía sexa máis cómodo, máis accesible e máis seguro para todos os usuarios

Ourense, 25 de xaneiro de 2023.- O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, acompañado do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, e da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, supervisou o remate das obras de mellora da seguridade viaria da travesía do municipio, salientando esta actuación como un exemplo do traballo que fan as administracións que apostan polo rural galego.

O delegado territorial explicou que esta obra é froito dun convenio de colaboración entre as tres administracións para investir máis de 720.000 euros na mellora da seguridade viaria da estrada OU-540. Actuouse, concretamente, entre os  puntos quilométricos 39+560 e 41+240, que coinciden coa travesía de Bande, de titularidade municipal.

Gabriel Alén salientou que o obxectivo da actuación foi a de adaptar as condicións da estrada á súa funcionalidade real, xa que a pesar do seu uso urbano, a vía conta cunha sección moi ancha e cunha falta de definición de entrada á zona urbana de Bande.

A  intervención dá continuidade á executada no ano 2016, tamén mediante a colaboración da Xunta coa Deputación e o Concello, co fin de urbanizar un treito da mesma estrada OU-546 no centro urbano de Bande.

O representante do Goberno galego puxo en valor a utilidade da cooperación entre administracións para acometer iniciativas de interese para os cidadáns e indicou que, nesta ocasión, o convenio permitiu desenvolver unha actuación “ambiciosa e completa que marcará un antes e un despois para o centro urbano de Bande.

Segundo lembrou, o proxecto recolleu as recomendacións formuladas pola Dirección Xeral de Tráfico e que teñen como obxectivo prioritario inducir a redución da velocidade dos vehículos e aumentar así a seguridade dos peóns e de todos os usuarios da vía.

Con ese fin, levouse a cabo a reforma das interseccións e a continuidade de itinerarios peonís interrompidos. Para a redución da velocidade actuouse nos estreitamentos de carrís e nos sobreanchos en beirarrúas, ademais da reordenación do aparcamento e a mellora das paradas de autobús. Tamén se mellorou a  accesibilidade e dispúxose de iluminación específica os pasos de peóns e estendeuse unha nova capa de rodadura en todo o tramo da actuación.

Segundo salientou Gabriel Alén, a actuación realizada dota aos veciños de Bande de novas beirarrúas e de máis servizos, logrando que este treito da vía sexa máis cómodo, máis accesible e máis seguro para todos os usuarios.

Acondicionamento da estrada Celanova-fronteira portuguesa

Na súa intervención, o delegado territorial referiuse tamén ao proxecto que está a impulsar a Xunta para o acondicionamento da estrada OU-540 no treito autonómico que vai de Celanova á fronteira portuguesa.

Con esa actuación, habilitarase un terceiro carril en parte dos 34 quilómetros da estrada e mellorarase o trazado mediante a rectificación das curvas de menor radio.

Gabriel Alén lamentou que o Goberno de España non comparta a preocupación das administracións galegas por dotar o rural de infraestruturas e servizos que melloren a vida dos seus habitantes. Lembrou que os criterios arbitrarios impostos polo Goberno de España no reparto de fondos Next Generation de mobilidade, impide que actuacións viarias estratéxicas coma esta poidan ser financiadas con eses fondos, ao excluír as actuacións en municipios de menos de 50.000 habitantes, o que significa deixar fóra desta vía de financiamento o 98% dos concellos galegos.