A campaña “Sesións Balnearias a 1 euro” reserva prazas para persoas maiores sen internet ou con dificultades tecnolóxicas

Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) participa na campaña "Sesións de Balnearios a un Euro" acompañado de Jose Juan Cerdeira Lois (Xefe da Área de Benestar da Deputación Ourense), Cristina Álvarez Míguez (Balneario de Cortegada), Aberto Fernandez Canal e Javier Soto (Caldaria).

A campaña “Sesións Balnearias a 1 euro”, promovida pola Deputación de Ourense e cinco balnearios da provincia, reserva prazas para persoas maiores sen internet ou con dificultades tecnolóxicas. 

A campaña de promoción, lanzada o pasado 21 de setembro, esixe ás persoas interesadas un rexistro previo a través de internet e un procedemento posterior de reserva e pago da sesión tamén a través da rede; iso pode implicar dificultades para colectivos con barreiras tecnolóxicas, segundo detectaron na Área de Benestar da Deputación. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste horizonte, e de acordo con todos os balnearios participantes nesta campaña, a Deputación de Ourense reservará un número de prazas para este colectivo, que dispoñerá dunha canle de atención presencial na administración provincial. 

As persoas que non puideron aínda participar nesta campaña de promoción termal poderán utilizar a “Oficina de acompañamento dixital” da área de Benestar da Deputación para dispoñer da súa sesión balnearia a través dun procedemento especial habilitado para “persoas en exclusión dixital”.

Aquelas persoas con carencias no ámbito das novas tecnoloxías poderán dirixirse á Área de Benestar da Deputación de Ourense, onde dispoñerán da axuda de empregados públicos así como dun procedemento especial habilitado a través da “oficina de acompañamento dixital” que facilitará a participación na campaña a aquelas persoas con dificultades tecnolóxicas.

Unha cita para ser atendido de forma presencial

Desde o mércores 19 de outubro as persoas en situación de dificultades tecnolóxicas poderán dirixirse telefonicamente aos teléfonos 988 317 770 ou 988 317 772 para solicitar unha cita e ser atendidos de forma presencial ao obxecto de reservar a sesión balnearia e recibir impreso o xustificante da súa sesión balnearia para a súa posterior entrega no balneario.

As prazas reservadas para este colectivo asignaranse por orde cronolóxica das chamadas recibidas e as citas asignadas ata completar as prazas dispoñibles.

A iniciativa ten como obxectivo promocionar a saúde a través da cultura termal. A promoción está a posibilitar o desfrute dos balnearios ao prezo de 1 euro coa intención de dar a coñecer os balnearios ourensáns entre as persoas que aínda non os coñecen. Os balnearios participantes na promoción son todos os da provincia que teñen piscinas de auga mineromedicinal de usos lúdico-terapéuticos: Laias, Cortegada, Lobios,  Partovia e Arnoia.

Entre os cinco balnearios achegaron unha cifra inicial de 1.000 sesións balnearias que se distribúen entre os meses de outubro e novembro, de luns a domingo, en diferentes franxas horarias e cunha duración entre 1,5 e 2 horas, en función do balneario. 

A reserva das sesións balnearias abriuse o pasado 29 de setembro a un prezo especial único de 15 euros, importe sobre o que se poden aplicar códigos de desconto de 14 euros, quedando o prezo final en 1 euro. O acceso ás 1.000 prazas é por orde de solicitude e reserva, tramitándose a través de internet.

Gran resposta á campaña de promoción termal en Termatalia e a semana pasada a través de redes sociais

Ás 1.000 sesións balnearias a 1 euro accédese a través de códigos desconto que se entregan ás persoas interesadas utilizando diferentes fórmulas.

Os 250 primeiros códigos de desconto puxéronse ao dispor dos interesados na Feira Termatalia, espertando un enorme interese no Caseta da área de Benestar que foi o punto no que se puideron recoller os mencionados códigos. Unha vez utilizados a totalidade dos mesmos, a semana pasada entregáronse 200 novos códigos a través da publicación dos mesmos nas redes sociais dos balnearios, os códigos esgotáronse en menos de 24 horas. Esta semana publicaranse 200 novos códigos a través dos perfís de Instagram e Facebook dos centros termais participantes.

Toda a información sobre a promoción está dispoñible na web de información https://raiatermalou.com/promocion